• Dende mediados de xullo e ata mediados de setembro, Monforte ofrece un ano máis os paseos en barca polo río Cabe. Según explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, durante a viaxe inaugural acompañado pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, “estas travesías permiten gozar dunha perspectiva da cidade que soamente se ten desde o río».
MONFORTE E A SÚA RELACIÓN CO CABE
Tomé lembrou que a tradición dos paseos en barca polo Cabe cumple xa sete anos. «Pese a que Monforte se construíu de costas ao río, a cidadanía sempre tivo a tradición de usalo para labores cotiás, como lavar a roupa, especialmente na zona do Malecón, onde había lavadoiros colectivos”. O alcalde animou a veciños e visitantes a facer uso deste servizo, que ofrece «un percorrido fermoso, cómodo e sen correntes, moi axeitado para realizar nesta época do ano”.
UNHA ACTIVIDADE ACUÁTICA «QUE SEMPRE SE AGRADECE» EN TERRAS DO INTERIOR
Ademais de manter viva a relación de Monforte co río que discurre pola cidade, a iniciativa dos paseos en barca supoñen «un complemento máis de animación turística para a xente que nos visita, sobre todo pensando que no interior non temos praia, e aquelas actividades acuáticas que poidamos ofrecer sempre se agradecen”.
CARACTERÍSTICAS DOS PASEOS EN BARCA POLO RÍO CABE
O servizo de paseos en barca polo Cabe conta con seis embarcacións, coas que se poderá percorrer o río en viaxes de media hora de duración. O punto de encontro é o embarcadoiro do Parque dos Condes, inicio e remate das travesías. Os paseos en barca manteñen o prezo de anos anteriores, que é de 3,25 euros por persoa. Cada barca permite o acceso dun máximo de seis pasaxeiros, por motivos de seguridade.
HORARIOS POR SEMANA E NA FIN DE SEMANA
En canto aos horarios de funcionamento, os paseos en barca polo río Cabe poden realizarse de luns a venres pola tarde, de seis a dez. As fins de semana, o horario se amplía tamén á mañá, polo que estarán dispoñibles de once a dúas e de seis a dez.
A xestión do servizo está a cargo do Club de Piragüismo Quixós, responsable do mantemento e condución das embarcacións, así como do cobro das viaxes e da atención aos usuarios.
Según informaron os responsables municipais, o Concello de Monforte destina unha partida de 8.150 euros á organización deste servizo.•