
• O Club Natación Monforte está a completar unha temporada de éxito, logo da súa participación este mes no Campionato Galego infantil. Pablo Valcárcel Domínguez, Alexia López Martínez, Jesús Armesto Troitiño e David Martínez Argiz integraron o plantel do clube monfortino nas probas disputadas na Piscina Municipal Rosario Dueñas de Ourense, os días 18 e 19 de xullo, e nas que sumaron un total de seis medallas autonómicas. Pablo Valcárcel Domínguez acadou un triplete, ao proclamarse campión galego de 200 e 100 metros espaldas, e subcampión de 400 estilos. Pola súa banda, Alexia López Martínez conseguiu doble medalla, como campiona galega de 100 metros espalda, e subcampiona en 200 metros espalda. O medalleiro autonómico completouse coa actuación de Jesús Armesto Troitiño, que se proclamou campión galego en 100 metros mariposa.
Estes logros confirman a boa marcha dos deportistas do Club Natación Monforte, como se confirmou tamén co bo papel realizado por Sandra Suñer Díaz, Patricia González Blanco, e Isabel Rodríguez Sánchez no Campionato de España Junior Absoluto, celebrado a comezos deste mes en Barcelona.
A vindeira cita coa competición será no Campionato de España do 3 ao 6 de agosto en Sabadell, no que participarán Alexia López e Pablo Valcárcel.
Aproveitando o descanso da competición en agosto, dende o Club Natación Monforte animan a participar no Descenso a Nado do Río Cabe, que terá lugar o 8 de agosto ás 17,30 horas. Os intersados deben inscribirse no correo cnmonforte@hotmail.com, ou na Piscina de Monforte.