A mediados de xullo, o alcalde de Monforte, José Tomé, reuniuse con boa parte dos propietarios dos postos da Praza de Abastos, para coñecer as súas demandas. Os praceiros transmitiron ao rexedor local a necesidade de dinamizar este espazo, e o alcalde manifestoulles «a implicación absoluta» do Concello coas súas demandas e coa mellora do Mercado. A proposta de Tomé, os praceiros aceptaron crear unha asociación que defenda os seus intereses de maneira conxunta e traballe na mellora da situación actual. Pola súa banda, o alcalde comprometeuse a abrir ao público, con carácter inmediato, a porta principal da Praza de Abastos, para que se poida acceder ós postos por esa entrada, máis visible e accesible, sobre todo para aqueles que non coñezan o edificio. O Concello tamén tratará de habilitar unha zona de carga e descarga próxima á porta de entrada actual dos praceiros. Pola súa banda, os comerciantes propuxeron ampliar os postos de venda a novos negocios para mellorar a oferta e atraer novos clientes. Tamén suxeriron que sería positiva a apertura do espazo gastronómico, para que se realicen nel actividades diversas que contribúan a facer máis atractiva a Praza de Abastos. (Foto: GPCM).•