
• O alcalde de Monforte, José Tomé, mantivo un encontro o día 5 en Santiago co conselleiro de Economía e Industria, o monfortino Francisco Conde, no que abordaron cuestións relacionadas con Porto Seco, as infraestruturas pendentes na cidade do Cabe, e a dinamización do comercio.
IMPULSO AO PORTO SECO
Durante o encontro, que transcurriu nun ambiente de cordialidade e con espíritu de colaboración por ambas partes, o rexedor local transmitiu ao conselleiro a importancia de conectar o Porto Seco coa rede de saneamento, e a falta de capacidade da depuradora de Piñeira, propoñendo que ambas cuestións se traten por separado. Conde apoiou este planteamento, e comprometeuse a iniciar as xestións para resolver estes asuntos por de maneira diferenciada.
No encontro, tamén se falou da necesidade de que a plataforma loxística conte con operadores que a xestionen, para o que é necesario que se asenten as primeiras empresas. O conselleiro confirmou ao alcalde que xa están a traballar neste aspecto para impulsar a actividade do Porto Seco.
MELLORAS NO POLÍGONO DO REBOREDO
Outro aspecto que Tomé puxo sobre a mesa foi a necesidade de mellorar as conexións de banda ancha do polígono do Reboredo, según as demandas que os empresarios fixeron chegar á alcaldía. O conselleiro asegurou que a Xunta xa traballa nun plan de renovación das redes de internet dos polígonos industriais galegos. Vinculado tamén ás necesidades do Reboredo, Conde comprometeuse a atender a solicitude do alcalde de mellorar a depuradora deste polígono, e de arranxar algunhas rúas deterioradas.
ACCESOS Á N-120 DENDE O PORTO SECO
En canto a infraestruturas viais, Tomé solicitou ao conselleiro que se aceleren os accesos dende a N-120 ao Porto Seco. Conde lembrou o seu interés por botar adiante este tema, e apuntou tamén que a Consellería está a traballar no soterramento de cables no casco histórico, proposta que lle transmitiu o alcalde, xunto coa petición de axudas para a renovación do alumeado público.
MÁIS AXUDAS AO PEQUENO COMERCIO
A dinamización económica de Monforte tamén estivo presente nesta xuntanza. Francisco Conde anunciou medidas para impulsar o comercio de proximidade e os mercados nas vilas e cidades galegas. Este punto foi valorado positivamente polo alcalde de Monforte, xa que considera ao comercio local un piar da economía desta cidade.•