• A sesión plenaria do Concello de Monforte celebrada o 27 de xullo tivo como asunto principal a modificación do orzamento para atender o pago de facturas pendentes fóra de presuposto.
TORRES, VOCEIRO SOCIALISTA: «A MEDIDA É UN EXERCICIO DE RESPONSABILIDADE»
Así, quedaron aprobados os correspondientes expedientes de modificación e transferencia de créditos, os expedientes de suplementos e a concesión de créditos extraordinarios, co fin de «evitar entrar en situación de morosidade, coas consecuencias que iso implicaría para o Concello, que incorriría nun gasto aínda maior», explicou o voceiro socialista, Ibán Torres, que considerou esta medida como «un exercicio de responsabilidade». «Sen entrar a valorar as facturas do anterior Goberno, é unha situación que atopamos ao chegar ao Concello e consideramos que este procedemento é necesario para sacar as cousas adiante». Torres precisou que, de non pagar estas facturas, o Concello entraría en morosidade, o que limitaría as opcións de financiamento de agora en adiante, «e obrigaría a realizar un plan de viabilidade económica imposto polo Ministerio de Facenda». Torres concluiu que coa aprobación do recoñecemento extraxudicial das facturas do anterior Goberno que non tiñan cobertura no orzamento «evítase un proceso perxudicial para o Concello».
AS OBRAS NO BARRIO DO HOSPITAL ASUMIRASE CON REMANENTES
Con esta medida orzamentaria, o Concello poderá acometer as obras de renovación do abastecemento de auga nas rúas Corredoira, Irmáns Dapena e Padre Garabantes, que están afectadas por frecuentes roturas, o que ocasiona problemas no servizo á veciñanza.
Según precisou o alcalde de Monforte, José Tomé, «este é un problema moi gordo, e debemos ser sensibles con el». Tomé insistiu en que «merece a pena poñerse mans á obra porque isto afecta a moitos veciños, e temos a obriga de porlle solución». O rexedor local explicou que estas obras vanse acometer destinando parte do orzamento previsto para as obras do río, «que non poderán executarse este ano», e remanentes ata asumir os 238.000 euros necesarios.
PAGAR A SOGAMA PARA EVITAR MÁIS GASTOS
A relación de facturas para as que se aprobou o recoñecemento extraxudicial inclúe os pagamentos pendentes a Sogama. O alcalde precisou que o Concello acumula cinco contenciosos e hai outro pendente. Ademais, lembrou que existen sentenzas contrarias á negativa dos Concellos a afrontar a suba do canon de Sogama. «O servizo prestouse, polo tanto non vale a pena seguir cuestionándoo», apuntou Tomé, quen explicou que «o prezo ordinario había que seguir pagándoo, independentemente de que se cuestione a suba». Unha vez consultada a interventora municipal, o alcalde suliñou que «por responsabilidade de goberno, tomamos a decisión de pagar esta débeda para adelgazar o número de contenciosos, para aforrar o gasto de letrados, e porque Sogama pode pedir intereses de demora, que supoñerían ter que asumir cantidades aínda maiores». •
•Aprobadas as novas tarifas de taxi
•O Pleno tamén aprobou, coa abstención do BNG, a actualización das tarifas de taxi, según o expediente presentado pola Asociación Profesional do Auto-Taxi de Monforte. Según esta medida, a baixada de bandeira é de 3,60 euros, e o prezo por quilómetro é de 1,05 cunha carencia de 1.500 metros. O suplemento por nocturnidade dun 20% sobre a tarifa base aplícase entre as 22,00 e as 6,00 horas dos días laborables e nos festivos do calendario laboral, máis o 24 e o 31 de decembro. A tarifa de suplemento fixa é de 10 euros. O expediente será remitido á Comisión de Prezos de Galicia para a aprobación definitiva. •
•Defensa do sector lácteo, mantemento do mercadillo no Parque dos Condes, novo regulamento orgánico e zona de baño oficial para Ribasaltas
•No apartado de mocións, o Pleno aprobou a presentada polo BNG en defensa do sector lácteo galego, co apoio do PSOE e Esperta Monforte, e a abstención do PP. Por unanimidade quedou aprobada a moción do BNG para non trasladar o mercadillo do Parque dos Condes, co compromiso de abordar a situación en conxunto, escoitando aos vendedores para darlle un regulamento á venda. Tamén por unanimidade foi aprobada a moción do PP para a elaboración dun novo regulamento orgánico do Concello, xustificada pola antigüidade e concisión do vixente. Todos os grupos agás Esperta Monforte apoiaron a moción do PP para incluír no censo de zonas de baño da Área recreativa de Ribasaltas levando a cabo as xestións necesarias. O Pleno rexeitou a moción de Esperta Monforte para eliminar as asignacións fixas e variables a grupos políticos e concelleiros. Tamén aprobou, cos votos en contra do PP, a iniciativa de urxencia de Esperta Monforte de rexeitamento da «lei mordaza».•