O primeiro Pleno do Concello de Sober lembrou a figura de Manuel María

O 30 de xullo, o Concello de Sober celebrou o primeiro Pleno ordinario deste mandato. Arquivo EC.
O 30 de xullo, o Concello de Sober celebrou o primeiro Pleno ordinario deste mandato. Arquivo EC.

Apoio ao sector lácteo, arranxos na estrada Sober-Gundivós e medidas contra os lumes forestais foron outros dos asuntos tratados

• A figura do poeta Manuel María foi protagonista na celebración do primeiro Pleno ordinario da nova Corporación de Sober. A proposta do alcalde, Luis Fernández Guitián, a sesión plenaria lembrou e ensalzou o traballo creativo do escritor nado en Outeiro de Rei, e que será homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas 2016. Fernández Guitián destacou «a importante relación que o escritor tivo ao longo da súa vida coa comarca de Lemos», e considerou «de xustiza» recuperar a figura e a obra do poeta chairego. Durante a súa intervención na sesión plenaria, o alcalde deu lectura ao poema «A fala», e adiantou que o Concello de Sober renderá tributo a Manuel María durante o vindeiro ano, «para que todos os nenos e nenas e todos os veciños e veciñas de Sober coñezan o seu traballo por Galicia e polo noso idioma».

QUEIXAS POLA ESTRADA SOBER-GUNDIVÓS

Outro dos puntos tratados no Pleno soberino foron as queixas da veciñanza sobre o estado do vial Sober-Gundivós, e que foi levada ao Pleno polo grupo municipal de Agroma Sober. O alcalde explicou que está en contacto cos técnicos da Deputación dende que comezaron os traballos de acondicionamento, e afirmou ter o compromiso do organismo provincial de que se farán traballos complementarios para solucionar os problemas na vía, sobre todo os puntos que presenten maior perigosidade.

APOIO ÁS DEMANDAS DO SECTOR LÁCTEO

Aínda que Sober non é dos concellos con máis densidade de explotacións gandeiras da contorna, o Pleno do Concello amosou o seu apoio ás reivindicacións dos gandeiros galegos. O alcalde precisou que está a participar nas plataformas de rexedores que buscan unha solución para este sector. Fernández Guitián garantiu a súa presencia na manifestación do sector lácteo en Chantada o día 6, como xa fixera na convocada en Santiago o mes pasado.

LUMES FORESTAIS

Por último, a Corporación soberina aprobou por unanimidade celebrar unha xunta de voceiros para trazar solucións a nivel local que axuden a paliar os incendios forestais. Os obxectivos desta decisión van encamiñados a facer cumplir as ordenanzas municipais e a Lei de Incendios. Neste sentido, terase en conta ás comunidades de montes e asociacións de veciños para conciencialas da importancia de limpar os montes e da rendibilidade da biomasa.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Irmandade Cultural País do Faro de Chantada celebra o seu terceiro aniversario

Seguinte Nova

A piscina municipal de Sober, centro dinamizador do verán

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: