• Os días 11 e 12 de agosto, o Concello de Sober, en colaboración con Queserías Prado, Artesanía de Galicia, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, celebrará a XX Feira da Rosca. O punto culminante da festa será o mércores 12 pola mañá, cunha degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca de Sober con queixo do país.
Na vixésima edición da Feira da Rosca de Sober participarán catro rosqueiros da zona. A feira contará con 14 postos, que ofrecerán unha boa mostra da gastronomía e artesanía local.
O martes 11 de agosto terá lugar a apertura dos stands ás nove da noite, na Praza do Concello. A animación correrá a cargo de Cé Orquestra Pantasma, que ofrecerá o seu espectáculo neste mesmo espazo a partir das 22,00 horas. Media hora máis tarde terá lugar unha degustación gratuíta de rosca con licor café.
A celebración da XX Feira da Rosca de Sober terá como día grande o mércores 12 de agosto. A xornada iniciarase co disparo de 20 bombas de palenque ás 10, e ás 10,15 abrirán os postos. A partir das 10,30 actuará o grupo de música tradicional Érvedo. Xa ás 12, será o turno do grupo de música e baile tradicional Pesdelán. Á unha comezará a degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo, amenizada polo grupo Érvedo.
Na presentación, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, animou á veciñanza da comarca de Lemos «a participar nun dos eventos con máis tradición da Ribeira Sacra». «Esta feira contribúe a manter vivo o traballo de tantos rosqueiros que xa non están, pero que saben que o seu legado nunca vai desaparecer», precisou.•