Festas Patronais Monforte 2015: Artistas monfortinos xunto á cantautora Sés, a orquestra Olympus e o festival Rock & Lemos

Animación na rúa, cine, libros, e gastronomía completan todo un mes de lecer en Monforte

Os cabezudos animan o inicio das xornadas festivas durante as Patronais de Monforte. Arquivo EC..
Os cabezudos animan o inicio das xornadas festivas durante as Patronais de Monforte. Arquivo EC..

• Todo listo en Monforte para celebrar as Festas Patronais 2015. Do 11 ao 16 de agosto, a cidade do Cabe vibrará de animación en rúas e prazas, coa música como protagonista. Logo da lectura do pregón ás 20,30 do martes día 11, o foguete lanzado dende o Campo de San Antonio abrirá oficialmente o periodo festivo, dando paso ao encendido da iluminación artística polas rúas centrais. A xornada inaugural concluirá co concerto Clave de Fado, ás 22,30 horas, na Praza de España.

MÉRCORES DÍA 12

A mañá do mércores 12 de agosto, o Grupo de Gaitas do Concello de Monforte encherá as rúas coas alboradas a partir das 12, saíndo do Campo de San Antonio ata xuntarse cos Cabezudos á unha. Dende a Praza de Carude ata o centro será o percorrido da charanga Unión Monfortina, que animarán a xornada de 12,30 a 14,30 horas. Tamén pola mañá, a partir das doce e media, terá lugar na Praza de España o III Festival Cómico Festivo A Rúa é vosa, co espectáculo Vaia Circo, a cargo da compañía Kanbahiota. Pola tarde, volverá a música ás rúas da man da charanga Unión Monfortina dende as oito e media, e á mesma hora haberá un segundo pase da sesión do espectáculo Vaia Circo, tamén na Praza de España. A noite será o tempo da verbena na Praza da Compañía, a cargo da orquestra Olympus, a partir das once.

XOVES DÍA 13

O Grupo de Gaitas do Concello abrirá a xornada do xoves 13, arrincando as alboradas dende o barrio da Florida ás doce. Tamén a esa hora, iniciarase outra sesión do III Festival Cómico Festivo, coa actuación da compañía Circo Cair na rúa do Cardeal. Neste mesmo espazo tomará o relevo ás 13,00 horas a compañía de títeres Alakrán, cun espectáculo de monicreques tradicionais. Pola tarde, o Festival Cómico Festivo repetirá as actuacións, ás 19,30 na rúa Cardeal cos títeres, e ás 20,30 horas na Praza de España co Circo Cair.

A música volverá á noite coa actuación, ás oito e media, das Pandereiteiras de Monforte dende a praza dos Chaos e por diversas rúas da cidade. Xa ás once, dará comezo na Praza de España o concerto da cantautora Sés, que interpretará temas do seu novo disco. Para rematar o día, a orquestra La Fórmula animará a verbena na Praza da Compañía a partir das doce.

VENRES DÍA 14

O venres 14, a Praza da Compañía acollerá a Aula Móbil do Barco Muralla dende ás 11, con actividades medioambientais para todos os públicos. Ás doce, o Grupo de Gaitas do Concello sairá da praza dos Chaos para amenizar as rúas. A esa mesma hora, comezará unha nova sesión do III Festival Cómico Festivo, co espectáculo «Vacacións no Mar», do grupo Títeres Mircromina, na rúa do Cardeal. Simultáneamente, a Banda de Música do Concello de Monforte ofrecerá un pasacalles polo centro urbano. O espectáculo na rúa continuará ás 13 horas, co show Nono. Na tarde, volverá abrir a Aula Móbil do Barco Muralla ás cinco, e terá lugar outra sesión do show Nono ás 20,30 horas na Praza de España, e antes, ás 19,30, actuarán de novo o grupo Títeres Mircromina. Na tarde-noite, a música ocupará o seu espazo, coa actuación ás 20,30 horas na praza de San Antonio, do grupo monfortino de música tradicional Merenzao. Xa ás 22,30, a Praza da Compañía acollerá o III Rock and Lemos Festival, cos grupos The Black Vintage, Exxassens, Boikot, e Bastards on Paradise. A xornada culminará co concerto da Banda de Música de Monforte, a partir das 23,00 horas na Praza de España.

As rúas de Monforte encheranse de animación durante as Festas Patronais. Arquivo EC.
As rúas de Monforte encheranse de animación durante as Festas Patronais. Arquivo EC.

ACTOS DO DÍA GRANDE

O lanzamento das bombas de palenque na mañá do día 15 abren o día grande das Festas de Monforte. Ás 10 partirá da praza de San Antonio a comitiva do homenaxe á patroa, a Virxe de Montserrat, ata a igrexa de San Vicente, onde se celebrará a misa e ofrenda floral ás once. O día 15 é tamén o Día do Gaiteiro, e logo das alboradas, os diversos grupos de gaiteiros concentraranse á unha no centro urbano, onde actuarán ata as tres da tarde. Pola tarde, ofrecerán un pasacalles ás oito, e ás oito e media realizarán unha mostra de danza na Praza de España. Xa pola noite, sairán ás 23,30 as Barcas Engalanadas, con música a bordo, e á medianoite terán lugar os Fogos Artificiais dende o Monte de San Vicente. A verbena comezará ás doce e media coa orquestra Costa Dorada e o grupo Gin Toni’s.

DOMINGO DÍA 16

O último día das Festas de Monforte comezará con alboradas do Grupo de Gaitas de Monforte dende a praza de Carude, e ás 12 volverá o Festival Cómico Festivo na rúa Cardeal, co Circo Chosco. Xa á unha, tomará o relevo do espectáculo o grupo Malabreikers. Pola tarde, a Aula Móbil do Barco Muralla estará aberto un día máis de cinco a sete, na Praza da Compañía. Pola tarde, terán lugar os segundos pases do espectáculo na rúa, co Circo Chosco ás 19,30 na rúa Cardeal, e os Malabreikers ás 20,30 na Praza de España. Logo da actuación da charanga Unión Monfortina polas rúas ás oito e media, ás dez e media comezará o concerto do grupo monfortino ADN+, na Praza de España. A esa mesma hora iniciarase no río Cabe a sesión dos Fogos do Río. As festas rematarán coa verbena da orquestra Panamá, na Praza da Compañía.

VERÁN CULTURAL

Durante o mes de agosto, Monforte está a acoller diversas actividades para dinamizar o verán. O 8 de agosto, e de oito da tarde ás doce da noite, os establecementos asociados ao CCU Monforte permanecerán abertos nunha nova edición da Fashion Night, con música, shows, descontos e animación. O comercio local repetirá esta iniciativa o día 29, para despedir o verán na Noite Branca. O día 8, Roi Casal actuará na Praza de España ás 23,00 horas, dentro do programa Cultura no Camiño. Outro dos actos desta programación será o día 9 ás 12, co Mago Antón na Compañía. Xa o día 22, o programa Musiqueando pola provincia de Lugo traerá á Monforte á Asociación Banda Filarmónica de Lugo, cun concerto na Praza de España ás 22,30.

MÚSICA MODERNA NAS PRAZAS

O día 21 actuará na Praza Doutor Goyanes o dúo Marcos Pin Duology, e o 22 será o turno de Marian Ledesma & Tinaquero Brothers na Praza da Estación. Xa o 27, a praza dos Chaos acollerá o concerto de Chigliak, e a praza de Carude será o escenario, o día 28, de La Panaback. Todos os concertos serán ás 22,00 horas.

ACTOS ATA SETEMBRO

O día 23 celebrarase na área recreativa de Ribasaltas a Festa da Empanada, a partir das 20 horas. Do 26 ao 29 de agosto, a rúa do Cardeal encherase cos postos da XVIII Feira do Libro de Monforte. Os cinéfilos disfrutarán do II Fancine de Lemos os días 27, 28 e 29 de agosto, nunha cita co cine fantástico e de terror. O día 29 ás 21 horas, terá lugar o XVI Festival de Habaneras Concello de Monforte, coa participación na Praza de España do Orfeón de Mieres e a Coral Polifónica de Monforte. O 5 de setembro será o IV Festival do Paradiso na rúa Zapardiel e área recreativa de San Vicente, a partir das oito. O día 6 celebrarase a XVI Xornada Europea da Cultura Xudía, con visitas á zona de ámbito xudeu de Monforte.•

José Tomé, alcalde de Monforte: «A cidade está bonita e atractiva, e esperamos que nela todos disfruten das Festas»

O alcalde, José Tomé, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e os autores dos artigos que acompañan o programa das Festas Patronais, na presentación do cartel, obra da artista Sara Álvarez, e dos actos programados. CPCM.
O alcalde, José Tomé, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e os autores dos artigos que acompañan o programa das Festas Patronais, na presentación do cartel, obra da artista Sara Álvarez, e dos actos programados. CPCM.

Cando chegou vostede á Alcaldía de Monforte, as festas estaban xa contratadas.

O programa estaba completamente pechado, faltaba por concretar o pregoeiro, que será finalmente a actriz de raíces monfortinas Fiorella Faltoyano, que respondeu persoalmente á miña solicitude, e dixo estar encantada de que o Concello de Monforte se lembrase dela. Volvendo ao programa, tamén quedaba por aclarar o tema dos fogos do río, que queríamos recuperar. No programa figuraba como «fogos de auga na Pinguela», pero nós quixemos que foran os fogos de sempre. Esperamos poder recuperalos xa este ano no Malecón, como se facía sempre, queremos volver a esa tradición, xa que eran un gran atractivo para as Festas de Monforte. Ese día baixaba moita xente a Monforte dende os concellos da contorna e dende as parroquias. Así que menos estes dous aspectos o resto do programa de Festas que estaba contratado respetouse totalmente, foi o noso compromiso. O programa do vindeiro agosto xa será o deste equipo de Goberno, e tratará de ser un programa dinamizador do turismo e do comercio de Monforte.

Vostede falaba en campaña de recuperar as festas «como as de antes».

Comprometimos recuperar as Festas de Monforte como referente da comarca de Lemos. Naquelas festas había elementos tradicionais, como os fogos do río, pero tamén atraccións, grupos e orquestras de renome que por si mesmas atraían xente. Trataremos de ir por aí, compaxinando o tradicional con espectáculos ou grupos de referencia no momento.

Que novidades van encontrar na cidade aqueles que visiten Monforte durante este mes de agosto?

Levamos pouco tempo de goberno, pero aínda así xa fixemos cousas que están á vista. Os que visiten Monforte atoparán, por exemplo, a Lagoa do Parque dos Condes limpa, dende a zona de Correos ata a desembocadura no río. Tamén poderán disfrutar do géiser en funcionamento, e da cortina de auga na parte interior da Ponte Fontecha, que conta con iluminación nocturna. Noutro punto do río, atoparán a Ponte Vella limpa de maleza, o que permite contemplar a súa beleza. Tamén estamos a recuperar as fontes da cidade. Empezamos pola fonte da Estación e pola fonte cibernética diante das Casiñas da Compañía, e só estamos pendentes de Fenosa para poñerlas en marcha, e esperamos que estean a tempo para as Festas.

A cidade de Monforte está ahora mismo bonita e atractiva, e esperamos que veciños e visitantes disfruten nela das Festas Patronais. •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Variada axenda de actividades para todos os públicos en Pantón

Seguinte Nova

Amplo programa nas Festas Patronais de Chantada 2015

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: