•Este circuíto, organizado por Turismo de Galicia, percorreu cinco comunidades autónomas, coa participación de preto de 500 persoas
• O campo de golf do Oca Augas Santas Balneario Golf Resort, en Ferreira de Pantón, será a sede da fase final do V Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia, os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.
CARACTERÍSTICAS DAS PROBAS CLASIFICATORIAS
Este circuíto, que se vén desenvolvendo dende o mes de maio en cinco comunidades autónomas, contou coa participación de preto de 500 persoas, con idades comprendidas a partir de 55 anos en homes, e de 50 anos en mulleres. As probas desenvolvéronse pola modalidade de stableford scratch e handicap individual, e cun límite de hándicap de xogo de 26,4, para homes, e de 36,4 para mulleres.
NAVARRA, MADRID, CANTABRIA, ASTURIAS E PAÍS VASCO, SEDES DAS PROBAS CLASIFICATORIAS
O V Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia arrincou o pasado 12 de maio no campo de golf de Ulzama, en Navarra. As seguintes probas tiveron como escenario diversos puntos da metada norte da Península, como o Real Club de Golf de San Sebastián o 28 de maio, o Retamares Casino Club de Golf de Madrid o 3 de xuño, e o Club de Golf de Pedreña en Cantabria, o 9 de xullo. A última proba clasificatoria disputouse o 16 de xullo no asturiano club de golf La Barganiza.
PANTÓN, REFERENCIA NO TURISMO DEPORTIVO
Según explicaron dende a organización, o Plan Integral de Turismo de Galicia reflicte a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal. Ata o ano 2016 estanse impulsando accións cara á promoción, á captación de turistas e ao establecemento de sinerxias con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.•