•Elena Candia e Juan Carlos Armesto presentaron unha campaña de captación de ideas para que os lucenses participen no impulso turístico da nosa provincia
• «Ti formas parte do Destino de Lugo, Ti es Lugo!» é o lema baixo o que se presentou a nova campaña de promoción turística impulsada pola Deputación. A presidenta provincial, Elena Candia, e o deputado delegado de Turismo, Juan Carlos Armesto, deron a coñecer os detalles desta iniciativa o 2 de setembro durante unha visita Palas de Rei.
ENVÍO DE IDEAS A TRAVÉS DUN E-MAIL
A campaña céntrase na captación de ideas de cidadáns e asociacións para potenciar Lugo como destino turístico. «Queremos que os lucenses podan participar na promoción turística da nosa provincia», destacou Candia. Con este fin, o organismo provincial vén de habilitar un enderezo de correo electrónico, buzon.turismo@deputacionlugo.org, para que todas as persoas e colectivos interesados «nos acheguen as súas ideas, queixas, suxestións, e posibilidades de mellora á hora do deseño estratéxico de Lugo como destino turístico». A campaña divulgarase a través dos medios de comunicación, e tamén mediante un banner na web www.deputacionlugo.gal, e polas redes sociais. Asimesmo, elaborouse un cuestionario a disposición da cidadanía para canalizar as peticións, queixas ou suxerencias «e facer partícipes á poboación neste proxecto».
AS ASOCIACIÓNS TERÁN REUNIÓNS COS TÉCNICOS DE TURISMO
Para as asociacións, e a maiores desta vía, a Deputación ofrece a posibilidade de que os colectivos vencellados ao sector e que estean interesados en participar na campaña poidan solicitar unha reunión cos técnicos do departamento de Turismo, e presentar as súas propostas. «Estamos ante un deseño turístico participativo», precisou Candia.
«CANLE PERMANENTE DE COMUNICACIÓN COS VECIÑOS»
A mandataria provincial explicou que esta campaña estará activa de xeito continuo e con permanencia no tempo, xa que se pretende que «exista esta canle de comunicación cos veciños». Candia suliñou que as propostas que se vaian recibindo «teranse en conta para estudar a súa inclusión no Plan Estratéxico de Turismo 2015/2016, que estamos a preparar dende a Deputación».
CANDIA ANIMOU A «PARTICIPAR NO DESEÑO DO DESTINO TURÍSTICO DA PROVINCIA»
Durante a presentación desta iniciativa na área recreativa Os Chacotes de Palas de Rei, a presidenta provincial lembrou que a campaña nace co obxectivo, entre outros, de buscar a interacción coa poboación lucense, e a súa sensibilización e compromiso co turismo de Lugo. Elena Candia rematou a súa intervención animando a todos os cidadáns a presentar suxerencias, queixas ou ideas para contribuír no deseño do destino turístico da provincia.•