• A finais do mes pasado, tivo lugar a sinatura de diversos convenios entre a Deputación de Lugo e dúas asociacións lucenses de interese social.
ANTICIPO DO 60% DA AXUDA PARA DAR LIQUIDEZ
A presidenta provincial, Elena Candia, e a presidenta da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), Ángela Lopes Barata, asinaron dous convenios por importe de 14.000 euros, destinados ao desenvolvemento de dous programas de atención integral para persoas afectadas por esta enfermidade. A asociación atende a máis de 80 persoas afectadas por esclerose múltiple, ademais de prestar apoio aos seus familiares con servizos básicos para a súa atención integral, como fisioterapia e atención psicosocial.
Dende a Deputación suliñaron a importancia deste tipo de convenios, que permiten á entidade beneficiaria solicitar un anticipo do 60% da achega para financiar a posta en marcha das súas iniciativas.
ACONDICIONAR O NOVO LOCAL DE ALUCE, DESBORDADO POLO AUMENTO DE USUARIOS
Na mesma data, Elena Candia asinou outro convenio co presidente da Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais (ALUCE), Manuel Fernández Prado, por un importe de 50.000 euros. Este convenio permitirá custear o acondicionamento do local deste colectivo, que inclúe a mellora do sistema eléctrico, a reforma das paredes e dos sistemas de ventilación. Candia precisou que esta axuda, polas súas características, aboarase en dúas anualidades, correspondendo un ingreso este ano de 8.000 euros, e outro o vindeiro exercicio por importe de 42.000 euros. Según explicaron os responsables provinciais, con este convenio a Deputación responde ás demandas este colectivo, que viu como o progresivo aumento de usuario obrigounos a cambiar de local asistencial, máis amplo e adaptado ás súas funcións. A asociación ALUCE ten 50 prazas concertadas co Sergas na cidade de Lugo, e atende regularmente a máis de 70 persoas. En canto á actividade, ALUCE vai poñer en marcha máis de 10 programas de atención non só para os usuarios acollidos á asociación, senón tamén para persoas ingresadas en centros penitenciarios ou que se atopan sen teito na rúa.•