
•Nico Díaz, Laura Domínguez e a parella formada por Andrés Saco e Manuel Freire proclamáronse campións de España en cadansúa categoría •Ademais, outros sete deportistas do clube monfortino foron subcampións nacionais
• O club Quixós de piragüismo vén de acadar un resultado histórico no Campionato de España. Un total de 10 medallas foi o resultado do clube monfortino na proba de descenso en augas bravas, disputada na localidade leonesa de Sabero, disputada a última fin de semana de agosto.
NICO DÍAZ, CAMPIÓN DE ESPAÑA INFANTIL
Na categoría infantil, o monfortino Nico Díaz proclamouse campión de España da categoría K-1, e subcampión na modalidade C-1. Na modalidade de xoves promesas, Yasmin Díaz foi subcampiona en K-1, e acadou o bronce na proba C-1.
TRIPLETE DE MEDALLAS PARA ANDRÉS SACO
Na modalidade absoluta, o deportista do Quixós Andrés Saco completou un triplete, ao subir ao podio en tres especialidades. Saco acadou a medalla de prata na modalidade sprint, e tamén na C-1 clásica senior, e xunto con Manuel Freire proclamáronse campións de España na especialidade C-2 sprint.
SANTI DÍAZ: «ESTE RESULTADO DESBORDOUNOS, NON O ESPERÁBAMOS»
Tamén en canoa dobre, David Castro e Cristóbal Ortiz conseguiron a medalla de prata senior na modalidade sprint. Outro dos ouros acadado polo club Quixós correspondeu a Laura Rodríguez, que se proclamou campiona de España xuvenil na especialidade C-1 . Pola súa banda, Lucía Cabo completaba o exitoso palmarés dos piragüístas monfortinos ao conseguir a medalla de bronce en C-1.
Por equipos, o club Quixós quedou subcampión de España en xoves promesas, e nun destacado terceiro posto na competición absoluta. Según explicou Santiago Díaz, técnico do club Quixós, este resultado «é inmellorable». «Non se esperaba, nalgúns casos sí que contábamos con podio, pero o resultado final desbordounos».
Os deportistas do club Quixós foron agasallados cunha recepción oficial no Concello de Monforte, o 3 de setembro. O alcalde, José Tomé, felicitou piragüistas, aos que entregou unha placa conmemorativa co nome de cada un deles. «Grazas a vós se fala da nosa cidade», afirmou Tomé, que destacou o esforzo dos deportistas do club Quixós e do seu corpo técnico, así como o apoio dos pais e nais dos deportistas.
O club Quixós segue adiante coa tempada, na cita co campionato galego o vindeiro día 19 na localidade pontevedresa de Arbo, co obxectivo de subir ao podio da competición autonómica.