• A Ribeira Sacra vai lucir este outono con novas cores. Un total de 21 murais de gran tamaño poderanse visualizar en cada un dos concellos desta mancomunidade, cun deseño baseado nalgunha nota distintiva do municipio ou da Ribeira Sacra, ao tempo que se engalana un espazo público ata agora deteriorado ou en abandono.
RUTA TURÍSTICA ÚNICA EN GALICIA
A idea, posta en marcha en virtude dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo, busca crear un produto turístico innovador, moi pouco frecuente no ámbito rural, que poña en valor os recursos, a cultura e as tradicións desta zona. Según informaron os responsables deste proxecto, esta é a primeira ocasión que se desenvolve un producto de similares características en Galicia, e unha das poucas de España, xa que só contan cunha proposta parecida as cidades de Zaragoza, Valencia, Madrid e Barcelona. Con esta iniciativa, trátase de conectar a paisaxe e a historia da Ribeira Sacra coa de hoxe, embelecendo espazos degradados e de crear unha nova herdanza artística e cultural, xunto á xa existente.
COMPLETADA A MEDIADOS DE OUTONO
A comezos de setembro estaban completados os murais da Praza do Toural de Sober, e os de A Pobra do Brollón, Taboada e Ribas de Sil. A continuación, está prevista a realización dos murais de Pantón, Portomarín e Quiroga, co obxectivo de que a mediados de outubro xa se poida disfrutar da ruta completa. Esta iniciativa tamén pretende contribuír á difusión da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Según os responsables do programa, este tipo de intervencións axudan a manter vivo o interese turístico da zona.•