O BNG municipal propón que Monforte acolla refuxiados sirios

• O grupo municipal do BNG en Monforte rexistrou unha moción na que se plantea a posibilidade de que esta cidade acolla refuxiados sirios. Según explicou a voceira nacionalista no Concello, Pilar López Martínez, propón a creación «urxente» dunha comisión de traballo para «decidir como facer fronte ao drama humanitario que está a sufrir Europa». «Evidentemente, Monforte non pode solucionar este problema, pero o Concello non pode mirar para outro lado ante esta situación». Pilar López criticou que «o Goberno central xa demostrou non estar á altura, pero debe asumir a súa responsabilidade e dar resposta urxente a esta realidade».

Pilar López lembrou que, según os datos publicados pola ONU, «estamos diante da maior catástrofe humanitaria e de desprazados dende a Segunda Guerra Mundial». A voceira nacionalista comparou o éxodo dos cidadáns sirios cos exiliados españois que fuxiron da guerra civil. «Monforte, como pobo aberto e solidario que é, non debe quedar á marxe», suliñou Pilar López, que propuxo que «esta cidade, como fixo en innumerables ocasións, asuma un compromiso de axuda aos refuxiados».

Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tomé, enviou unha carta á FEGAMP para poñer o Concello «á disposición desta entidade para acoller ás persoas que sexa preciso». Con esta iniciativa, o Concello de Monforte «quere contribuír, na medida das súas posibilidades, a paliar o drama humano que está a sufrir tanta xente».

FEIJÓO ANUNCIOU A DISPOSICIÓN DE GALICIA A ACOLLER 300 REFUXIADOS

Núñez Feijóo anunciou que a Xunta trasladou ao Goberno central a disposición de Galicia a acoller 300 refuxiados sirios. A Consellería de Traballo e Benestar está a traballar nun plan de acollida que se activará no caso de que o Goberno de España e a Unión Europea acorden a admisión de refuxiados.

A DEPUTACIÓN ESTUDA COLABORAR COS CONCELLOS

A Deputación anunciou que estuda fórmulas para colaborar con concellos e entidades na acollida de refuxiados. A presidenta, Elena Candia, puxo a disposición do Goberno central e autonómico «a mellor actitude» para, dentro das posibilidades, ofrecer os recursos necesarios. «A Deputación non vai escatimar esforzos», dixo Candia, e precisou que «a situación precisa dunha actuación conxunta e planificada». Candia insistiu en sumar esforzos «para devolverlle a estas persoas a dignidade que, como cidadáns, lles corresponde».•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

UGT-Lemos alerta da «alta precariedade»da contratación en agosto no sur de Lugo

Seguinte Nova

A Xunta activará en xaneiro axudas para cubrir os impagos da luz das familias con menos recursos

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: