• O Club Baloncesto Sarria afronta unha nova tempada «ilusionante» nas diferentes categorías. Para achegar a actividade do club aos cidadáns, organizan ata o venres 11 unhas xornadas de portas abertas. Os nenos e nenas que o desexen, poderán achegarse aos adestramentos que se celebran polas tardes no Pavillón do Chanto, na rúa Castelao.
Por outra banda, e según explicaron dende a directiva, o clube está a desenvolver dende finais de agosto e durante o mes de setembro unha campaña de captación de socios, co fin de aumentar a masa social desta entidade deportiva, con gran tradición no mundo do baloncesto lucense.
UN INTENSO VERÁN DE BALONCESTO EN SARRIA
No eido deportivo, o CB Sarria desenvolveu unha intensa programación durante o verán. Dende finais de xuño ata finais de agosto, tivo lugar a actividade «Un verán de basket», na que preto de cincuenta rapaces e rapazas disfrutaron da prática do baloncesto, asesorados por adestradores. A mediados de xullo, este programa fixo unha paréntese para o desenvolvemento do VII Campus Baloncesto no Camiño, no que participaron máis dun cento de rapaces de varios puntos de España e Portugal. O CB Sarria vén colaborando activamente na organización e realización deste Campus dende a súa primeira edición.
Setembro preséntase con igual intensidade para o CB Sarria, co inico das Escolas Deportivas nas diferentes categorías. Ademais, o curso comeza forte para os equipos senior, que competirán en primeira división autonómica, fronte a equipos da categoría do Estudiantes de Lugo, Leyma Basket Coruña, Arxil de Vilagarcía e Pío XII de Santiago. A novidade é a estrea do equipo feminino nesta categoría, logo do brillante papel realizado na pasada tempada.•