• O deputado popular Ángel Camino Copa defendeu na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta estude a declaración como BIC (Ben de Interese Cultural) para a igrexa da Cruz do Incio.
Na súa intervención, Camino Copa lembrou a singularidade arquitectónica deste templo, situado na capitalidade deste municipio da comarca de Sarria, e que foi deseñado polo afamado arquitecto José Luis Fernández del Amo. A igrexa da Cruz do Incio, que data dos anos 60 do século pasado, constitúe unha mostra significativa da labor creativa deste arquitecto, así como un dos principais expoñentes da arquitectura moderna. A igrexa da Cruz do Incio destaca polo emprego de materiais propios da contorna, como a lousa, e pola súa integración na paisaxe senlleira da Montaña lucense.
A iniciativa presentada por Ángel Camino suliña que organismos como o Colexio de Arquitectos de Galicia ou a Academia Galega de Belas Artes veñen de poñer en valor esta edificación, e destacaron a necesidade de protexelo. A declaración BIC contribuiría a este obxectivo, así como ao recoñecemento do seu valor.•