Tomé demandou a Tráfico que revise as instalacións das Lamas e que se poidan facer xestións dende Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé, recibiu no seu despacho á xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, o pasado 20 de agosto. GPCM.
O alcalde de Monforte, José Tomé, recibiu no seu despacho á xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, o pasado 20 de agosto. GPCM.

• A mediados de agosto, o alcalde de Monforte, José Tomé, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, mantiveron un primeiro encontro de traballo dende o cambio na Corporación local monfortina. Durante a reunión, na que abordaron diversos temas nun ambiente de cordialidade e entendemento, o rexedor local trasladou á responsable provincial de Tráfico a necesidade de revisar o estado das instalacións das Lamas, onde se realizan as probas para a obtención do carné de conducir, logo dos desperfectos sufridos por este complexo no último vendaval.

POSIBLES CONVENIOS

En canto á tramitación de datos e xestións, ambas partes acordaron estudar unha posible colaboración neste aspecto. Deste xeito, Tráfico permitiría ao Concello acceder, cando fora pertinente por motivos administrativos, ao rexistro de condutores e ao de vehículos matriculados na cidade, co fin de axilizar as oportunas tramitacións. Tamén falaron da posibilidade de introducir diversos cambios que permitan aos condutores realizar xestións con Tráfico dende Monforte, evitando así desprazamentos ás oficinas da Xefatura en Lugo.

A xefa provincial de Tráfico ofreceu a colaboración do seu departamento para ceder ao Concello de Monforte equipos de medida, como radares ou alcoholímetros, se fose de interese municipal. Asimesmo, tamén quedou a disposición do Consistorio monfortino para estudar a medio ou longo prazo a situación do tráfico da cidade.

Pola súa banda, o alcalde de Monforte comprometeu a colaboración do Concello nas campañas informativas que periodicamente realiza Tráfico para controlar a velocidade ou o consumo de drogas e alcohol. José Tomé destacou esta iniciativa, xa que «algo así non se fixera ata agora porque o Concello non participou en iniciativas deste tipo». •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Abanca e Consello Regulador asinaron un convenio para financiar o pago da uva

Seguinte Nova

Rematou un verán de festas no sur de Lugo

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: