
Un ano máis, o campus de fútbol organizado polo Concello de Monforte, o Real Club Celta de Vigo e a Fundación Celta volveu encher a totalidade das prazas ofertadas, nunha das actividades máis exitosas do verán deportivo de Monforte. Un total de 100 rapaces e rapazas participaron no campo Luis Bodegas nas sesións formativas deste tradicional campus, impartido por adestradores das categorías menores do Real Club Celta de Vigo, que aplicaron a mesma metolodoxía que levou á canteira deste clube a ser recoñecida como unha das mellores de España. Na clausura, o alcalde de Monforte, José Tomé, entregou a cada un dos participantes o diploma de asistencia, así como un agasallo conmemorativo. •