A ocupación deste mes de agosto medrou un 6,79% na Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra ofrece cada ano máis actividades que permiten aos visitantes disfrutar ao máximo deste territorio. (Foto cedida).
A Ribeira Sacra ofrece cada ano máis actividades que permiten aos visitantes disfrutar ao máximo deste territorio. (Foto cedida).

• A ocupación hoteleira na provincia de Lugo rexistrou no mes de agosto un aumento de máis de seis puntos respecto a agosto de 2014. Según os datos publicados pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), o mes pasado rematou cun índice de ocupación do 81,28%, fronte ao 74,84% de agosto de 2014.

Por comarcas, o maior aumento en ocupación de prazas hoteleiras produciuse na Terra Chá, onde hai un ano rexistraron un 63,90%, e este agosto subiron ata o 79,84%, o que supón un 16% máis. En segundo lugar, destaca o aumento contabilizado na Montaña, que pasou do 80% do ano pasado ao 82,50% deste mes de agosto. En terceira posición está a suba de Lugo centro, cun 9% máis de ocupación, pasando do 68,21% ao 77,69 %.

En canto á Ribeira Sacra, o índice de ocupación deste mes de agosto foi do 82,49%, superando en case sete puntos a porcentaxe de agosto de 2014, situada no 75,70%.

Pola súa banda, A Mariña é a comarca con maior ocupación de prazas hoteleiras, cun 90,11% este ano, superando ampliamente o 81,25% de agosto do ano pasado.

A única comarca que rexistrou un descenso do índice de ocupación hoteleira foi Sarria-A Ulloa, que se quedou no 75,05%, case cinco puntos menos que en agosto de 2014, cando acadou o 80%.

PREVISIÓN DE MÁIS DO 50% EN SETEMBRO

En cambio, a previsión que manexa a APEHL para este setembro fala dunha inversión desta tendencia, cun repunte da ocupación na comarca Sarria-A Ulloa, que chegaría a un 73,40%, moi por riba da media prevista para o total da provincia, que contabilizaría un 51,04%.•

Máis de 4.500 persoas pasaron polo Centro do Viño durante o mes de agosto

• O Centro do Viño de Monforte estase a converter nun espazo de referencia para os visitantes da Ribeira Sacra. O conxunto do Centro do Viño, que inclúe a Oficina de Turismo e o Espazo Museístico, contabilizaron durante o mes de agosto un total de 4.666 visitantes. Por servizos, a Oficina de Turismo atendeu en agosto a 3.970 persoas, 329 máis que no mesmo periodo do ano pasado. O Museo do Viño rexistrou un aumento notable nas visitas, ao pasar de 460 en agosto pasado, a 696 no mesmo mes de 2015. Nas cifras ofrecida pola empresa responsable da xestión do Centro do Viño, non se inclúen as persoas que visitan a tenda de viños.

En canto á procedencia dos visitantes, Francia segue a manterse, un ano máis, como o país que máis turistas envía, cun total de 130 consultantes desta nacionalidade só no mes de agosto. O Reino Unido é o segundo país en número de visitantes que pasaron en agosto pola Oficina de Turismo de Monforte, seguido polo ámbito de América Latina. Cabe suliñar que os visitantes estranxeiros aproveitan en moitos casos para visitar o Museo do Viño logo de ser atendidos na Oficina de Turismo, grazas ao servizo de atención en inglés, francés e italiano que ofrece o persoal do Centro do Viño.

En canto ao turismo nacional, pasaron pola Oficina de Turismo de Monforte en agosto persoas das 50 provincias españolas. Madrid e Barcelona encabezaron a lista de visitantes, con 780 e 697 turistas respectivamente, seguidas a distancia por Valencia, con 162 persoas, Biscaia con 144, e Sevilla con 134. De Galicia, foron os coruñeses os que máis se achegaron á Ribeira Sacra.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 90 casas rurais de toda Galicia súmanse ao Outono Gastronómico

Seguinte Nova

Teatro para todos os públicos o domingo 20 no Auditorio de Escairón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: