• O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra está a poñer en marcha unha nova edición do Viñobús Vendima. A partir do día 12, desenvolveranse unha serie de viaxes interactivos para que nenos e adultos poidan vivir en directo a experiencia da vendima.
As excursións terán lugar os días 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de setembro, por un prezo de 15 euros por persoa. Os menores de 4 anos non pagan, e ata 12 anos o prezo será de 10 euros por neno. É preciso reservar as prazas con antelación. O prezo inclúe traslado en microbús dende o punto de encontro, situado no Parque dos Condes de Monforte, ademais de almorzo na adega e guía acompañante. O gasto de envío dunha botella a domicilio ten custe aparte.
ELABORACIÓN DO PROPIO VIÑO PASO A PASO, ATA RECIBIR A BOTELLA A DOMICILIO
A experiencia do Viñobús Vendima ofrece a posibilidade de participar en todo o proceso da uva, dende a súa colleita ata o pisado, ademais de seguir a elaboración do mosto e de conseguir un viño propio. A xornada comezará cun achegamento a pé de viña, con paseos entre viñedos, durante os cales os participantes recibirán explicacións sobre as características das cepas, das diversas variedades de uva, e sobre as características da coñecida como viticultura heroica. A continuación, xa dentro da adega, os participantes recibirán nocións sobre o proceso de vinificación, ao tempo que realizan unha cata de uvas, mostos e viños. Finalmente, os participantes do Viñobús Vendima protagonizarán o procesado artesanal do viño, realizando o pisado da uva, e presenciando a introdución do mosto nas cubas. A partir de aí, un enólogo farase cargo de todo o proceso ata a obtención do viño final, que será embotellado e enviado ao domicilio de cada un dos participantes.
A xornada de Viñobús comezará ás 10,30, e prolongarase aproximadamente ata as 16,30 horas. •