
O monfortino afincado en Barcelona Luis Rodríguez Fernández vén de doar ao Concello de Monforte un cadro que representa ao Cardeal Rodrigo de Castro, firmado polo artista catalán Tony Yil. «O que pretendo é promocionar Monforte, quero que a miña cidade sexa coñecida en toda España», suliñou Rodríguez, que leva máis de 40 anos vivindo en Barcelona.
Este monfortino, máis coñecido como Gay, foi xogador do Club Lemos na súa xuventude, e segue mantendo viva a afición polo equipo da cidade do Cabe. «Eu fomento que na Cidade Condal haxa novos socios do Club Lemos», afirmou Rodríguez na súa visita a Monforte para facer entrega do cadro ao alcalde, José Tomé.
Este é o terceiro retrato que Rodríguez doa ao Consistorio. O autor da obra, Tony Yil, expón parte do seu traballo nos Estados Unidos.•