• A Asociación de Nais e Pais do colexio Infanta Elena de Monforte escolleu a Severino Rodríguez, ex alcalde de Monforte, para coordinar as accións que van levar adiante na súa demanda dun centro asistencial para persoas discapacitadas. Este colectivo explicou esta decisión a través dun comunicado emitido o día 24 deste mes, no que lembran que a súa demanda dun centro destas características «non é un capricho, senón un dereito que atende a unha necesidade que se explica por si mesma». O colectivo de pais e nais deste colexio destaca que estas peticións «até o momento non foron atendidas polas persoas que teñen a responsabilidade e a capacidade de facelo». No seu comunicado, suliñan que «dada a situación de punto morto en que está a solución deste problema, acordamos recorrer a unha persoa que sempre mostrou interese pola nosa demanda, o anterior alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz, a quen lle pedimos, e el aceptou, que nos bote unha man e coordine as accións que pretendemos levar adiante no futuro».
Os membros da Asociación de Nais e Pais do colexio Infanta Elena explican que acudiron a Severino Rodríguez «por ser unha persoa sensible ás nosas demandas e que sempre mostrou un espíritu constructivo e colaborativo». Dende a Asociación anuncian a súa intención de «conducirse pola vía do positivo e das solucións construtivas, a favor de e non contra ningué, e por iso, dada a súa traxectoria social, nos decidimos a pedirlle axuda a Severino Rodríguez». Por último, anuncian a súa «determinación de seguir na procura de solucións con paso firme.»•