•Hai 276 alumnos máis nos primeiros ciclos educativos •No ensino secundario, mantéñense as porcentaxes de matrícula
• Un total de 20.334 cativos lucenses iniciaron o día 10 de setembro o curso 2015-2016, dos que preto de 13.600 corresponden á etapa de Educación Primaria, e 6.646 a Infantil. Estas datas falan dun aumento de 276 alumnos máis que o curso pasado no global da nosa provincia. Entre as novidades, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou na visita ao CEIP de O Corgo o incremento no número de colexios que se suman ao proxecto de libro dixital E-DIXGAL, con catro centros máis este ano. Por outra banda, Arias tamén destacou «o protagonismo dos colexios rurais» no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que destina 62.000 euros en achegas para os 69 centros lucenses adheridos, aos que se suman este curso cinco centros máis.
Por outra banda, Arias precisou que a provincia conta xa con 28 centros plurilingües, ao sumarse os CEIP de Sober, Monterroso e Paradela, así como o CPR de Cervantes.
«ÁNIMO E RECOÑECEMENTO» PARA O PERSOAL DOCENTE E AUXILIAR
Arias tamén tivo palabras de «ánimo e recoñecemento» para o persoal docente e auxiliar, que «co seu traballo, nunca suficientemente valorado, son os encargados de guiar e instruir en valores aos alumnos, ademais de transmitir coñecementos».
ENSINO SECUNDARIO
Pola súa banda, o día 14 comezaron as clases no Ensino Secundario, que suma algo máis de 200.000 alumnos en toda Galicia. En Lugo, as cifras provisionais falaban de algo máis de 9.000 alumnos en ESO, mentres que o Bacharelato ordinario sumaba 3.273. Asimesmo, en Educación Especial houbo 1.633 matrículas, e nas ensinanzas artísticas o cómputo é de 1.020 alumnos.
En canto ás previsións de matrícula para FP, ronda os 54.000 alumnos para toda Galicia, á espera de datos definitivos.•
•MELLORAS NOS CENTROS. A Consellería vén de realizar diversas melloras nos centros educativos do sur de Lugo. Así, destinou algo máis de 26.000 para a substitución de ventás nunha zona de talleres e no ximnasio do IES Daviña Rey de Monforte. No IES A Pinguela, Educación investiu máis de 9.000 euros en arranxar a cuberta do planetario, e outros 6.000 para arranxar os desperfectos ocasionados polo roubo acaecido en marzo. Na imaxe, Raquel Arias durante a visita ao IES Daviña Rey, co director do centro, Isaac González. GPDT.
•APOSTA POLA CALIDADE DO ENSINO. Xa dende comezo de curso, os centros educativos poñen en marcha unha serie de actividades complementarias ao curriculo de cada etapa. No IES A Pinguela, iniciaron o curso cunha conferencia inaugural a cargo do profesor do departamento de Química Física da Universidade de Santiago, José Ramón Leis Fidalgo, que falou sobre os desafíos da química no século XXI. O aumento da poboación mundial fai plantear novos retos como os sistemas de desalinización da auga marina ou as vacinas non inxectables, explicou. GPDT.
•ARRANXOS NOS CENTROS DE PRIMARIA. Ao inicio deste curso, o alcalde de Monforte e a concelleira de Cultura visitaron o CEIP A Gándara para recoller as demandas do equipo directivo. Dende o claustro reclamaron melloras nos bancos e no pavimento do colexio, ademais do arranxos dalgúns maceteiros para evitar posibles danos dos cativos. O alcalde amosou a súa colaboración para «garantir a máxima seguridade dos nenos» nos espazos do colexio.•
• O IES LAMA DAS QUENDAS DE CHANTADA SUMA OUTRO PREMIO EXTRAORDINARIO DE BACHARELATO.
Adrián Maceda Fernández, alumno do IES Lama das Quendas de Chantada, vén de conseguir un dos 20 Premios Extraordinarios de Bacharelato 2014-2015. Este éxito académico vén sumarse aos dous premios desta categoría que xa atesoraba o centro chantadino nos últimos seis anos. Andrés Vázquez Figueiras acadara esta mención no curso 2009-2010, e Diego Fernández Prado no 2012-2013. O alcalde de Chantada, Manuel Varela, fixo chegar a súa felicitación, en nome propio e do seu equipo de goberno, a Adrián e ao instituto por este logro académico.•