•O centro monfortino ofrece técnicas novidosas, como o adestramento en suspensión, crossfit e hipopresivos, ademais dos formatos habituais de aerobic e ximnasia de mantemento
• O ximnasio Neka de Monforte está a iniciar o programa de actividades deportivas e de benestar saudable para este curso, cunha variada oferta de cursos e servizos pensados para todos os públicos, todos os días da semana agás domingos, en horario de 9 a 13 horas.
En canto ás actividades, todos os días a partir das 10 da mañá, desenvolverase a sesión de ximnasia de mantemento, e polas tardes a clase de ximnasia para adultos. A semana tamén estará ocupada polas actividades habituais de aerobic, baile e boxeo, incorporando ademais unha nova modalidade, os adestramentos de suspensión, disciplina moi de moda pola súa efectividade, e que se basa no traballo con bandas elásticas controlado polo propio peso do usuario.
Ademais, o ximnasio Neka ofrece actividades máis específicas para mellorar o rendemento físico ou o estado de forma. José Mª Vega, responsable do ximnasio monfortino, é o encargado de impartir as sesións de fitness gym, enfocadas para tonificar partes moi concretas do corpo, como glúteos, abdominais e cadeiras.
Asimesmo, as sesións de crossfit e hipopresivos están a cargo de Adriano López, adestrador persoal e especialista en ambas técnicas. «O crossfit é un adestramento de alta intensidade, onde se xoga con espazos de tempo cortos pero picos de intensidade moi elevados», explica Adriano López, quen precisa que «tratamos de adaptalo ao público e facelo algo máis funcional». En canto aos hipopresivos, Adriano López defíneos como «un método de reprogramación postural, un estilo de ximnasia pasiva que nos permite mellorar o tono muscular global do corpo, traballar o solo pélvico, e mellorar a frecuencia cardiaca e a vascularización, ademais de reducir o perímetro abdominal e beneficiar a nosa saúde postural». Adriano López destaca as vontades desta técnica polos seus efectos de relaxación «tanto física como psicolóxica».
Para completar a oferta en benestar saudable, o ximnasio Neka reabre en outubro o spa, un «auténtico balneario urbano», según precisa o xerente do centro, José Mª Vega, que anima a todos a probalo. «É un espazo moi completo, un luxo que poden disfrutar en plena cidade tanto os socios como os que non o son».
Ademais de ser un punto de referencia no eido do benestar saudable, o ximnasio Neka é ben coñecido polo seu equipo de taekwondo, cun amplo medalleiro rexional e nacional froito do traballo e talento dos máis de 160 deportistas federados que o integran. Esta ben merecida fama está a fomentar a prática do taekwondo na zona sur, xa que este ano arrinca un grupo «moi nutrido» de nivel iniciación, con cativos de 4 e 5 anos. Ademais, Vega vaise facer cargo da actividade de taekwondo nas Escolas Deportivas de Taboada, cun grupo de 20 rapaces. En Monforte seguen os adestramentos en todas as categorías, tamén para adultos, xa que o taekwondo, como explica Vega, «non ten idade».•