• O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Monforte vén de presentar unha moción para que se solventen os problemas en Atención Primaria no Centro de Saúde da cidade do Cabe. Según explicou a voceira nacionalista na Corporación monfortina, Pilar López, este verán o Centro de Saúde de Monforte sufriu «un caos organizativo»no seu funcionamento, debido a que está sen cubrir unha das prazas vacantes no último concurso de traslados, convocado hai casi un ano.Ademais, o Sergas non enviou persoal substituto durante as vacacións do persoal, nin para cubrir as baixas por enfermidade, «a pesar do incremento da demanda asistencial debido ao aumento da poboación durante o verán».
«MASIFICACIÓN» DE CONSULTAS E URXENCIAS
As consecuencias desta situación foron, según explican os nacionalistas no texto da moción, un «incremento intolerable» da lista de espera de consultas, «masificación» deste servizo, e «sobrecarga» en Urxencias «porque a xente que non era atendida en consulta normal, loxicamente acudía a Urxencias en demanda de asistencia».
O SERGAS, «RESPONSABLE DESTA SITUACIÓN»
O grupo municipal do BNG instou ao Concello a que se dirixa ao Sergas, «como responsable desta situación», para que cubra a vacante pendente dende hai meses, «porque a poboación segue sendo a mesma, pero cada vez máis envellecida e necesitada de asistencia». Asimesmo, tamén reclaman que o Sergas cubra as vacacións e as baixas por enfermidade, «para evitar o empeoramento da situación».•