•A Xunta comprometeuse a reactivar o Plan do Casco Histórico, pero non financiará a redacción dun novo PXOM
• O Goberno local de Monforte está a retomar as xestións para impulsar o ordenamento urbano da cidade do Cabe. Con este fin, o alcalde José Tomé mantivo unha reunión o día 8 deste mes coa secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para tratar aspectos referidos ao ordenamento do casco histórico e á redacción dun novo Plan Xeral.
O PLAN ESPECIAL DO CASCO HISTÓRICO ESTARÍA APROBADO EN 2018
Rivas transmitiu a Tomé o compromiso da Xunta para reactivar o Plan Especial do Casco Histórico, que estaba paralizado, mantendo as axudas que xa foran comprometidas polo Executivo autonómico. Tomé destacou que este plan «é unha ferramente imprescindible para revitalizar o casco histórico, e para que os propietarios da zona saiban que tipo de actuacións poden realizar». O rexedor local comprometeuse a iniciar en breve prazo a tramitación, enviando a correspondente solicitude para, logo de completado o proceso, proceder á execución das anualidades pendentes no casco histórico. Dende o Concello precisaron tamén que en 2016 os cartos destinaríanse á elaboración dun documento para a aprobación inicial, a Xunta recibiría dito informe en 2017, e procederíase á súa aprobación final en 2018, unha vez resoltas todas as alegacións.
O PXOM DEBERÁ FINANCIARSE CON FONDOS PROPIOS
Outro dos asuntos tratados na reunión coa responsable autonómica de Urbanismo foi a elaboración dun novo PXOM para Monforte. O alcalde destacou a necesidade de iniciar a redacción dun documento «imprescindible», que debe recoller «non só a realidade actual, senón tamén debe ser a ferramenta que deseñe a cidade que queremos para o futuro». Tomé precisou que o novo PXOM de Monforte debe incluír tamén as infraestruturas pendentes «e que xa están comprometidas por diversas administracións», e que son «de vital importancia para o desenvolvemento de Monforte».
Neste sentido, a secretaria xeral de Urbanismo precisou que en 2016 a Xunta non destinará fondos para financiar os plans xerais dos concellos. Según explicou Rivas, non están previstas máis achegas deste tipo, xa que o borrador da nova Lei do Solo establece que a Xunta só se vai facer cargo da redación dos PXOM dos concellos menores de 5.000 habitantes. Asimesmo, Rivas lembrou a Tomé que o Concello de Monforte xa recibiu axudas da Xunta para o PXOM en varias ocasións, pero que finalmente non chegaron a executarse. Aínda así, a responsable de Urbanismo da Xunta ofreceu ao Concello asesoramento técnico para a posta en marcha do PXOM.
Con esta situación, o alcalde de Monforte suliñou que «se queremos botar adiante o PXOM, teremos que facelo con fondos propios ou coas achegas que se poidan conseguir doutras administracións».
TOMÉ: «O SANEAMENTO NON VAI SER UN PROBLEMA PARA QUE SE INSTALEN EMPRESAS NO PORTO SECO»
Recentemente, o alcalde de Monforte mantivo unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, na que se acordou a elaboración conxunta dun documento que analizará «en profundidade» a rede de saneamento de Monforte. Este documento incluirá, entre outras, a mellora do servizo en varias rúas, o acondicionamento dos bombeos, e a eliminación de puntos de vertidos e infiltracións. Tamén incluirá unha proposta para poder conectar a rede de saneamento do Porto Seco coa rede municipal. «Isto non vai ser un problema para que se instalen empresas», asegurou Tomé.•