• O alcalde de Monforte, José Tomé, asistiu o pasado 15 de setembro en Ourense á reunión dos 25 rexedores das cidades do Eixo Atlántico coa responsable de Desenvolvemento Urbano e Territorial da Comisión Europea, Judit Torokne. Na xuntanza, celebrada no salón de plenos do consistorio ourensán, os alcaldes tiveron a oportunidade de plantear as súas demandas para a obtención de axudas europeas. Neste sentido, José Tomé pediu «igualdade de condicións» para os concellos de menos de 20.000 habitantes», que son os que, según o rexedor monfortino, teñen máis dificultades para acceder aos fondos da Unión Europea. Tomé reclamou que estes municipios teñan acceso directo a estas liñas de axudas europeas, «e resolver problemas». O monfortino puxo como exemplo o problema do saneamento na vila do Cabe, tanto en cidade como no polígono industrial. «Para acadar unha solución integral desta cuestión Monforte ten que acceder a eses fondos», insistiu Tomé na reunión do Eixo Atlántico coa responsable da Unión Europea.
Logo de escoitar as propostas, Torokne explicou as directrices que deben rexir os proxectos subvencionables, que deberán ser «intelixentes, innovadores e integradores socialmente. A Comisión Europea, constituída hai pouco máis dun ano, está a preparar novas estratexias para impulsar a política urbana e rexional. Nese sentido, Judit Torokne comprometeuse a trasladar a Bruxelas as propostas presentadas no encontro de Ourense.•