•A programación que está a preparar o Concello de Monforte para conmemorar o IV centenario da publicación da segunda parte de El Quijote contará coa participación dos centros de ensino da cidade. Así o acordaron os responsables de colexios e institutos de Monforte co alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, na reunión mantida no Concello o pasado 5 de outubro. Na xuntanza, os responsables municipais anunciaron que xa están a preparar a programación conmemorativa desta efeméride. A segunda parte de El Quijote incorpora unha dedicatoria asinada por Miguel de Cervantes e dirixida a don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. No Pleno municipal de setembro, a Corporación acordou por unanimidade organizar unha serie de actos en lembranza dos 400 anos de publicación desta obra fundamental.
A reunión do día 5 foi tamén o primeiro encontro de José Tomé e o seu equipo de Goberno cos representantes da comunidade educativa local. Na xuntanza, elaborouse un primeiro calendario de actuacións conxuntas para o Nadal e o Entroido, así como de cara ao certame de teatro. En canto ás rutas didácticas por Monforte, dende os centros de ensino suxeriron a súa potenciación, co fin de que os escolares coñezan mellor o casco histórico. Tomé manifestoulles tamén a súa vontade de seguir escoitando as demandas da comunidade educativa, e incorporar así novas actividades.•