
• Este mes arrinca a actividade lúdica e formativa no Concello de Bóveda, cunha ampla programación para todas as idades e todos os públicos. Ocio, benestar, deporte e educación integran o deseño das actividades, que ocupan a totalidade da semana, de luns a sábado.
OS DEPORTES, DE LUNS A MÉRCORES
A oferta de actividades deportivas inclúe clases de tenis, nas modalidades de tenis de mesa, de pista e bádminton, os luns de 17,30 a 18,30 horas. A actividade de patinaxe para rapaces e rapazas de 3 a 12 anos, será os martes de 16,30 a 17,30 horas, e a de aerobic ese mesmo díade 20,30 a 21,30 horas. As sesións de ioga desenvólvense os mércores de 20,30 a 21,30 horas. A cuota mensual de tenis, ioga e aerobic é de 15 euros cada unha, e a de patinaxe é de 10 euros.
MÉRCORES, DÍA PARA O TEATRO
Os mércores serán os días reservados para o teatro. As clases da Escola Municipal de Teatro de Bóveda terán lugar de 16,30 a 17,30 horas para maiores de 6 anos, de 17,30 a 18,30 horas para maiores de 12, e de 18,30 a 19,30 para adultos e maiores. O prezo mensual desta actividade é de 10 euros.
MÚSICA E DANZA, DE XOVES A SÁBADO
A Escola Municipal de Música de Bóveda organiza as sesións na última metade da semana. As clases dos xoves celebraranse dende as 16,30 ata as 21,30 horas, con sesións dunha hora de duración. A primeira hora será Música para cativos de 3 a 6 anos, seguida da clase para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, e por último para os de máis de 12 anos. Ás 19,30 comezará o ensaio da Banda de Gaitas, e ás 20,30 será o turno da clase de Música para adultos.
O venres de 16,30 a 17,30 terá lugar a actividade de Danza Tradicional, pola Escola Municipal de Danza. A continuación, voltará a música, no turno do grupo de vento, que inclúe clarinete, saxo e acordeón. Ás 18,30 comezará a clase do grupo de percusión, con batería, caixón flamenco e djembé, e a pandeireta ocupará o tempo a partir das 19,30. A última hora da tarde corresponderá ao canto coral.
A música voltará o sábado pola tarde, coa sesión de Música de 16 a 17 horas, e seguirá co ensaio da Banda de Gaitas, de 17 a 18 horas.
O custe das actividades de música e danza é de 5 euros ao mes por cada especialidade.
OCIOTECA CATRO DÍAS Á SEMANA
Para nenos e nenas de 3 a 12 anos está aberta a Ocioteca, con actividades diversas. O horario é de 16,30 a 17,30 os luns e mércores, e de 16,30 a 18,30 os xoves e venres. O prezo é de 10 euros anuais por neno e día da semana.
INGLÉS E CERÁMICA COMPLETAN A PROGRAMACIÓN LÚDICO-EDUCATIVA DE BÓVEDA
Ademais, a programación sociocultural do Concello de Bóveda ofrece a actividade de cerámica e barro os luns de 16,30 a 17,30, por 10 euros mensuais. Tamén inclúe clases de inglés para nenos, xoves e adultos, os sábados pola mañá. As clases para os maiores de 7 anos serán de 12 a 13 horas, e para adultos de 13 a 14 horas. A cuota mensual de inglés é de 20 euros. Máis información no teléfono 982 42 60 06.•