Estrea en competición dos equipos senior do CB Sarria

As rapazas do CB Sarria Senior posan no arrinque da nova tempada en Primeira Autonómica. (Foto cedida).
As rapazas do CB Sarria Senior posan no arrinque da nova tempada en Primeira Autonómica. (Foto cedida).

• Os equipos senior do CB Sarria estrean tempada en nova categoría. Grazas ao bo traballo do ano pasado, a división feminina do club sarrián, patrocinada por Neumáticos Sarria, iniciou o seu percorrido en competición na Primeira Autonómica, todo un fito histórico para un clube feminino desta localidade.

XUVENTUDE E VETERANÍA NO NEUMÁTICOS SARRIA

O Neumáticos Sarria, ás ordes da experimentada Maísa López, conta cun plantel de doce xogadoras, coa incorporación de Almudena Puente e Uxía Fernández, que aportan gran experiencia en categorías superiores. Xunto a elas, a novidade canteirana vén da man de Clara López Herrero, que con tan só 15 anos debuta coas senior na Copa Galicia.

Non tiveron sorte no seu debut nesta competición fronte ás coruñesas do Calasancias (55-24). No segundo partido da Copa Galicia, disputado en Santiago o domingo 11 de outubro, a sorte non estivo coas sarrianas, que cederon o marcador ás de La Salle (41-38) nun partido moi disputado, no que o combinado sarrián deixou unha boa imaxe.

O ALFA AURIGA CB SARRIA ARRINCA EN TERCEIRA POSICIÓN

Pola súa banda, o equipo masculino do CB Sarria patrocinado por Alfa Auriga retorna esta tempada á Primeira División, na que ocupa a terceira posición do grupo norte logo das dúas primeiras xornadas. Logo dunha axustada derrota por un punto (62-61) fronte ao Basquet Coruña, o Alfa Auriga CB Sarria compensou na segunda xornada impoñéndose na casa fronte ao Baloncesto Cambre (48-41). O conxunto sarrián, comandado por Marcos López de adestrador, asistido por Jorge López, incorpora aos xogadores Iker Trevijano e Rubén Pernas, que o ano pasado xogaron na liga EBA nas filas do CB Chantada. O reforzo local vén da man de Jorge García e César López, que retornan con forza ao combinado sarrián. •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón acolleu a final do V Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia

Seguinte Nova

Preto de 40 xinetes participarán en Marcelle no último raid desta tempada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: