•O portavoz de Educación do grupo parlamentario socialista, Vicente Docasar, alertou do «errático e caótico» comezo de curso que está a provocar a «lamentable e chapuceira» implantación da LOMCE por parte do Goberno galego.
«LÍO MONUMENTAL» NA IMPLANTACIÓN DOS DECRETOS DE SECUNDARIA E BACHARELATO
Docasar presentou dúas iniciativas no Pleno do Parlamento referidas ao comezo de curso, e criticou a «improvisación» do Goberno galego, pola implantación «insensata, sen medios nen directrices e cun calendario inasumible» desta lei. Esta improvisación afecta á posta en marcha dos decretos de Secundaria e Bacharelato, que seguen, según Docasar, o mesmo camiño que a implantación o curso pasado dos de Primaria e FP Básica. Esta situación está a provocar, según o deputado socialista, un «lío monumental» nos centros, «desorientados e molestos coa elaboración sen tempo material e sen directrices claras das novas programacións didácticas «.
FALTA DE PROFESORADO E «CAOS ABSOLUTO» NA XESTIÓN DOS LIBROS DE TEXTO
Docasar criticou tamén outros dous elementos que están a poñer aos docentes «ao borde da insubordinación», en referencia á falta de profesorado, sobre todo de apoio, e ao «caos absoluto» na xestión dos libros de texto, cuestión que tamén está a encender os ánimos das ANPAs. «Estase a impoñer un sistema mais caro e que está deixando a milleiros de familias e estudantes sen libros de texto nin material escolar ao comezo do curso», criticou Docasar.
ALERTA POLOS PRAZOS PARA TITULARSE NA NOVA FP BÁSICA
O portavoz socialista de Educación chamou a atención sobre a situación na FP Básica. Dada a implantación do novo decreto realizada o curso pasado, o alumnado actualmente matriculado nesta modalidade de ensino será «moi prexudicado», xa que non poderán aspirar aos seus títulos ata 2018 se antes non é derrogado parcialmente o Decreto 127/2014.
Vicente Docasar explicou que a propia LOMCE establece que as reválidas para obter o título de Graduado de ESO só estarán implantadas no curso escolar 2017-2018, polo que o alumnado da FP Básica terá que agardar ata esa data sen poder continuar coa súa formación tanto na FP de Grao Medio como no Bacharelato.•