Corenta parroquias do sur lucense integran a proposta inicial desta delimitación
• No último Pleno do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, celebrado a comezos deste mes, deuse a coñecer a composición inicial do mapa delimitador deste territorio para presentar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Este mapa está integrado no informe que elaborou un equipo de técnicos das Universidades galegas, coordinado e presentado polo Valedor do Pobo. A financiación deste informe estivo a cargo das Deputacións de Lugo e Ourense. Esta proposta inicial foi remitida aos 21 concellos que integran o Consorcio, e tamén á Denominación de Orixe Ribeira Sacra e á Asociación Ribeira Sacra Rural, integrados asimesmo neste organismo. Sobre esta proposta, elaborarase un documento final, resultado dos contactos do Valedor e da Dirección Xeral de Patrimonio cos concellos, e sobre o que se iniciará oportunamente un periodo de alegacións.
61 PARROQUIAS VINCULADAS POLA PRESENCIA DO RÍO E A VITICULTURA DE RIBEIRA
Según explicaron os responsables do Consorcio de Turismo, a proposta inicial sobre a que se presentará a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade abrangue 13 concellos, cun total de 61 parroquias, das que 40 pertencen á provincia de Lugo e as restantes 21 á de Ourense.
Os criterios que o informe suliña para facer esta delimitación teñen que ver coa vinculación cos Canóns do Sil ou do Miño dunha parte do territorio da parroquia en cuestión, e tamén coa presencia de viñedos nestas ribeiras, entendendo o viño como un elemento de identidade da Ribeira Sacra.
Por concellos, Sober é o municipio con máis parroquias nesta delimitación, cun total de nove, seguido de O Saviñao e Chantada, con oito parroquias cada un. Pantón aporta seis parroquias, Carballedo catro e Monforte tres, mentres que Ribas de Sil e A Pobra do Brollón inclúen unha cada un.
No lado de Ourense, Castro Caldelas aporta seis parroquias a esta delimitación, mentres que Parada de Sil e A Teixeira teñen cinco cada un, e completan a serie catro núcleos de Nogueira de Ramuín e un de A Peroxa.•
•CHANTADA ACOLLERÁ A ENTREGA DA I EDICIÓN DOS PREMIOS RIBEIRA SACRA
• A sesión plenaria do día 1 de outubro tamén aprobou as bases dos premios honoríficos Ribeira Sacra, que este ano se concederán por vez primeira para celebrar o décimo aniversario da constitución do Consorcio de Turismo. Haberá dous galardoados nesta primeira edición. O Pleno do Consorcio recoñece con este galardón á Xunta de Galicia polo «apoio unánime e permanente ao Consorcio dende a súa creación, independentemente do partido ou partidos políticos que estiveron á fronte do Goberno autonómico». Tamén será recoñecido con este premio honorífico Paradores de España «pola decidida aposta en Ribeira Sacra coa apertura e xestión de dous establecementos, o de Monforte e o de Santo Estevo, que son emblemáticos no territorio, pero tamén na rede nacional». Está pendente de confirmación cando terá lugar a gala de entrega destes premios.
Por outra banda, o Consorcio de Turismo continuará funcionando baixo esta forma xurídica, logo do informe emitido pola Dirección Xeral de Administración Local.•