•Outras 13 vivendas de Chantada poderán acollerse ás novas axudas •Dende 2000, rehabilitáronse preto de 90 inmobles en zona ARI na vila do Asma

• Chantada contará cunha partida de preto de 60.000 euros en axudas para a rehabilitación de 13 vivendas incluídas na Áread de Rehabilitación Integral (ARI). A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de enviar aos 38 concellos de Galicia con subvencións concedidas os convenios correspondentes as anualidades 2015 e 2016, para proceder á súa sinatura neste mesmo mes.
Ademais de Chantada, no sur de Lugo recibirán axudas o concello de Monforte, por importe de 44.700 euros, Sarria, con preto de 112.000 euros, Sober, con 178.800 euros, e Quiroga, cunha achega de 67.000 euros. Os convenios abranguen un total de 54 zonas ARI en 38 concellos galegos, e mobilizarán unha partida global de 28,5 millóns de euros destinada a rehabilitar 1.660 vivendas.
As subvencións van destinadas tanto ás obras realizadas polos propietarios nas vivendas de zona ARI, como ás melloras de urbanización realizadas dentro de dito perímetro polos propios concellos. Os propietarios poderán destinar os cartos das axudas a obras que melloren a habitabilidade, seguridade, accesibilidade e eficiencia enerxética nas súas vivendas particulares ou en edificios con carácter común, e poderán tamén financiar o seu realoxo temporal por mor das obras.
Pola súa banda, os concellos poderán empregar as axudas para a execución de obras no medio urbano da zona ARI, mantemento de equipos técnicos e oficinas de xestión e información. •