Aposta polo medioambiente e a riqueza xeolóxica como atractivo na comarca do Courel

•A comezos de novembro, Quiroga será a capital da espeleoloxía galega, coa celebración do I Campamento de Veteráns, que reunirá a unha trintena de participantes

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

• Na fin de semana do 31 de outubro ao 2 de novembro, Quiroga converterase na capital galega da espeleoloxía. Máis de trinta federados nesta disciplina participarán na capital do Courel no I Campamento Galego de Veteráns, que propón diversas actividades culturais e de campo. Dentro do programa, terá lugar na noite do sábado 31 a V Gala da Espeleoloxía Galega, na que se fará entrega de galardóns aos clube e deportistas nomeados pola Federación Galega de Espeleoloxía ao cumprir 25 anos como membros deste colectivo.

Esta programación está organizada polo Grupo de Exploracións Subterráneas (GES) Ártabros, en nome da Federación, e coa colaboración da Confederación de Espeleología y Cañones, Xunta de Galicia e Concello de Quiroga.

QUIROGA, PUNTEIRA EN GALICIA POLAS CONDICIÓNS NATURAIS PARA A ESPELEOLOXÍA

Durante a presentación do I Campamento Galego de Veteráns, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, destacou o compromiso do seu equipo de goberno coa promoción de eventos deportivos no municipio, apoiando as iniciativas que chegan das asociacións e clubes, para tratar de promover «o magnífico entorno natural de Quiroga e do Courel». Pola súa banda, Manuel Díaz, vocal do Grupo de Exploracións Subterráneas (GES) Ártabros, organizador do programa de actos, destacou que Quiroga conta coas máis importantes cualidades para a espeleoloxía que hai en Galicia, despois de Mondoñedo.

GRAN TRABALLO DA ESPELEOLOXÍA NO ENTORNO DE QUIROGA

Manuel Díaz agradeceu a «grata acollida» do Concello de Quiroga e doutras entidades para que o GES Ártabros, no ano en que cumpre catro décadas de actividade, puidese reunir nun espazo significativo aos espeleólogos galegos veteráns. Díaz destacou que a zona de Quiroga «sempre foi importante» para o conxunto da espeleoloxía galega, «xa que dende aquí se impulsaron as primeiras exploracións á Serra do Courel, no ano 1955, da man do GES C.M.Celtas de Vigo». O vocal de Ártabros fixo tamén referencia a todo o traballo posterior que xurdiu destes primeiros pasos, e que se concretou en catro campañas topográficas, vinte campamentos e trece zonas de estudio, «o que permitiu o descubrimento de múltiples covas e simas no interior do seu carst», precisou Manuel Díaz.

UNHA TRINTENA DE VETERÁNS NO CAMPAMENTO, E MÁIS PARTICIPANTES NA GALA

Ademais do interese pola prática da espeleoloxía, este Campamento será unha oportunidade única «para permitir o reencontro dos veteráns deportistas», que proceden maioritariamente das catro provincias galegas, ademais da zona de Ponferrada e da propia comarca quiroguesa. Ademais dos trinta participantes nas actividades deportivas, a afluencia ao evento de Quiroga será maior durante a Gala da Espeleoloxía Galega. «A resposta foi moi positiva, e esperamos que este tipo de encontros teñan continuidade no futuro», suliñou Díaz.

ACTOS CULTURAIS E SAÍDAS A COVAS DA ZONA

Dende o GES Ártabros, deseñaron un completo programa de actividades, que inclúe eventos culturais, abertas aos acompañantes, así como práticas de espeleoloxía, orientadas a aqueles veteráns que desexen coñecer as covas da zona do Courel. O roteiro espeleolóxico abranguerá as covas de A Taradatreiga, Aradelas, Arcoia, Buraca das Choias, Ceza, Chandolindeiro, Eixe, Longo de Meu, Purruñal, Taro da Lastra, Teixeira, Traslacosta e Valdeabraira.

En canto ás actividades culturais, a programación para a fin de semana de novembro inclúe unha visita ao Museo de Xeoloxía de Quiroga e ao Miradoiro de Campodola na tarde do sábado, un pase audiovisual de fotos antigas da espeleoloxía galega, e rutas de sendeirismo.

40 ANOS DE HISTORIA DO GES ÁRTABROS, EN IMAXES

Ademais, dende mediados deste mes está aberta na Casa da Cultura de Quiroga a exposición conmemorativa dos 40 anos do GES Ártabros. Preto de trinta imaxes percorren as catro décadas desta agrupación deportiva, caracterizada pola divulgación da prática da exploración subterránea sobre todo entre a mocidade. «A espeleoloxía pode praticarse a partir dos 16 anos», explica Díaz, «ou antes acompañado dun adulto, pero sempre formando parte dun grupo especializado». Manuel Díaz precisa que a espeleoloxía non ten grandes requisitos, eso sí, «non ter claustrofobia e manter unha forma física axeitada para o deporte».

O GES Ártabros enfoca a súa actividade hacia o recoñecemento de cavidades naturais e como prática deportiva «non exenta de riscos», polo que prestan especial atención á adquisición de coñecementos de autoprotección «para poder intervir no caso de que se produza algunha incidencia», suliñou Manuel Díaz. Neste sentido, a asociación desenvolve ao longo de todo o ano un amplo calendario de cursos e actividades de reciclaxe para deportistas desta especialidade, a través da Escola Galega de Espeleoloxía da Federación.

O COUREL, UNHA EXPERIENCIA SINGULAR

O escenario de Quiroga e do Courel promete ofrecer unha experiencia de gran interés para os participantes no I Campamento Galego de Veteráns. «A biodiversidade do seu entorno natural, e a importancia xeolóxica desta zona fan moi interesantes as covas do Courel», precisa Díaz, que destaca o amplo traballo científico que se está a realizar na zona, co descubrimento de xacementos subterráneos de máis de 15.000 anos de antigüidade. «Nos últimos 60 anos lévanse recoñecido e catalogado máis de 200 cavidades, explorando as entrañas do Courel e da súa contorna», explica o vocal de Ártabros. Unha singularidade natural que obligou aos deportistas, nalgúns casos, a avanzar a través itinerarios inundados por ríos ou lagos, «botando man de técnicas e materiais de espeleobuceo», suliña Díaz.•

Julio Álvarez, alcalde de Quiroga: «Queremos ser referente a nivel nacional, impulsando un destino turístico que reúna xeoloxía, medio ambiente e etnografía»

Julio Álvarez e Andrés Novoa percorreron a exposición dos 40 anos do GES Ártabros, asistidos polas explicacións de Manuel Díaz, membro desta formación espeleolóxica. EC
Julio Álvarez e Andrés Novoa percorreron a exposición dos 40 anos do GES Ártabros, asistidos polas explicacións de Manuel Díaz, membro desta formación espeleolóxica. EC

•O impulso do deporte de montaña e do turismo vinculado á xeoloxía é un dos puntais da xestión do Concello de Quiroga para promover a riqueza natural desta contorna. Ademais da importante axenda deportiva e cultural que se desenvolve no municipio, «e que fai que cada fin de semana do verán haxa un evento de interés», o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, destaca a importancia de impulsar o atractivo da montaña. «Coa aposta polos Museos Xeolóxico e Etnográfico acertamos, xa que son un dos principais puntos de interés dos visitantes», suliña Álvarez, «e nesta liña imos seguir». O rexedor quirogués está decidido a seguir impulsando, «en colaboración cos concellos da zona do Courel», o gran potencial do recurso xeolóxico. «O obxectivo é ser referente a nivel da Península Ibérica como destino turístico especializado, misturando xeoloxía, medio ambiente e etnografía». Álvarez anunciou que xa está moi avanzado un proxecto, que contou co visto bo do Goberno de Candia na Deputación para financialo con 30.000 euros, que integraría estes elementos «ben ensamblados, e desenvolvidos de maneira conxunta».

Álvarez valorou positivamente o resultado deste esforzo por promover un turismo de natureza. «As visitas á Oficina de Turismo seguen medrando, e tamén aos dous museos temáticos que temos», suliñou o rexedor. En Turismo, levan atendidas este ano 5.489 consultas. O Museo Etnográfico acolleu 2.171 visitantes e o Xeolóxico 1.979, e 20.975 persoas entraron neste ano á web específica sobre as rutas de Quiroga.

1 Comment

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 500.000 euros para rehabilitar 30 vivendas en Sober

Seguinte Nova

Novembro, Mes das Tradicións nas sesións lúdico-culturais Merendas con Contos de Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: