
• O 23 de outubro, véspera do Día da Biblioteca, celebrouse en Monforte o primeiro dos actos cos que se vai conmemorar o cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quijote. A vinculación desta obra coa cidade do Cabe refírese ao seu patrocinador, o VII Conde de Lemos, cuxa financiación fixo posible a Miguel de Cervantes a publicación da segunda parte da súa obra universal. Para celebrar os 400 anos deste fito, o Concello de Monforte organizou unha serie de actos de aquí a decembro, nos que haberá cine, teatro, conferencias, cursos e roteiros culturais.
A primeira sesión destas rutas por Monforte tivo lugar o día 23, cunha visita guiada por José Martínez Rodríguez, para descubrir pola cidade a pegada de Cervantes e do VII Conde de Lemos. Esta ruta terá novas edicións abertas a escolares, previa cita.
A axenda para o mes de novembro inclúe dúas actividades. O 6 ás oito e media da tarde, o Centro do Viño acollerá a representación de «De Nápoles a Monforte polo inferno», a cargo de Antón Valcárce, organizada polo Movemento Tabernario Lemavos. Ademais, o día 12, o Cine Club A Calexa proxectará na Casa da Cultura a película de animación «Don Quixote» para o público en xeral, con pases tamén nos centros de ensino.•