Os socialistas do sur lucense consideran “ultraxantes e ofensivos” os Orzamentos da Xunta para 2016

Pola súa banda, os populares valoran o feito de que «Lugo será a provincia galega con máis investimento por habitante» nas contas da Xunta para o vindeiro ano

• A presentación dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2016 está a xerar diversas reaccións na provincia de Lugo. Mentres que dende o Partido Popular consideran que estas contas «renovan a aposta do Goberno de Feijóo polo reequilibrio territorial», os socialistas do sur lucense interpretan estes Orzamentso como «ultraxantes e ofensivos», ao entender que «o sur da provincia queda condenado a seguir castigado».

O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro, valorou que o Executivo de Feijóo “priorice o gasto nas provincias do interior fronte ás atlánticas”. Arquivo EC.
O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro, valorou que o Executivo de Feijóo “priorice o gasto nas provincias do interior fronte ás atlánticas”. Arquivo EC.

BALSEIRO (PP): «LUGO RECIBE 725 EUROS POR HABITANTE, FRONTE AOS 502 DA CORUÑA OU AOS 406 DE PONTEVEDRA»

O secretario xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, destacou que «Lugo vai ser a provincia galega con máis investimento por habitante en 2016», cun total de 725 euros por lucense, por riba dos 502 euros por habitante na provincia da Coruña, e dos 406 euros de Pontevedra. Balseiro destacou que o investimento por habitante en Lugo está por riba incluso da ratio de Ourense, provincia cun perfil demográfico e económico similar ao lucense, e que rexistraría 688 euros per cápita. Nesta liña, Balseiro agradeceu ao Executivo presidido por Núñez Feijóo que «priorice o gasto nas provincias do interior fronte ás atlánticas». Según o secretario xeral do PP lucense, isto supón que o Goberno galego «renova a súa aposta polo reequilibrio territorial».

Entre as partidas para infraestruturas no sur de Lugo, Balseiro destacou os 3,1 millóns de euros que o Executivo de Feijóo destina á Vía de Altas Prestacións Sarria-Monforte, ou os 250.000 euros para a estrada LU-651 en Folgoso do Caurel. Ademais, suliñou as partidas por 2,3 millóns de euros para actuacións de sinalización, promoción turística, e mellora de infraestruturas e albergues do Camiño de Santiago. Por último, Balseiro destacou que o aumento das partidas sociais, a rebaixa fiscal «máis intensa da historia autonómica», e o programa de «impostos cero» no rural «son beneficios directos especialmente positivos para a nosa provincia».

José Antonio Quiroga, José Tomé e Vicente Docasar, entre outros membros do PSdeG-PSOE do sur lucense, na reunión mantida en Monforte para analizar as enmendas aos Orzamentos da Xunta de 2016. (Foto cedida).
José Antonio Quiroga, José Tomé e Vicente Docasar, entre outros membros do PSdeG-PSOE do sur lucense, na reunión mantida en Monforte para analizar as enmendas aos Orzamentos da Xunta de 2016. (Foto cedida).

TOMÉ (PSOE): «A ÚNICA VEZ QUE FEIJÓO NON FALA DE RECORTES, Á ZONA SUR NON LLE TOCA NIN UN EURO»

Pola súa banda, os socialistas do sur de Lugo reuníronse en Monforte na segunda quincena de outubro para analizar as enmendas aos Orzamentos da Xunta de 2016 que defenderá no Parlamento o deputado Vicente Docasar. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, fixo referencia á partida de 3 millóns de euros para o corredor Sarria-Monforte, afirmando que «só sirve para pagar débedas da Xunta». Tomé criticou que «a única vez que Feijóo non fala de recortes, á zona sur de Lugo non lle toca nin un euro, porque eses 3 millóns do corredor son para rematar de pagar o que Feijóo lles debe ás contratas da estrada a Lugo». O alcalde de Monforte tamén criticou que non haxa partida para rematar as conexións do Porto Seco coa N-120 «aínda que só se trata de 1 quilómetro».

Asimesmo, Tomé alertou de queu as contas da Xunta para 2016 non inclúen ningunha partida para a EDAR de Piñeira, «a única depuradora pendente das deseñadas por Touriño, e para a que hai un proxecto dende 2009 que Feijóo mantén paralizado, e que o Psoe leva anos reclamando no Parlamento».

DOCASAR (PSOE): «O PARTIDO SOCIALISTA MANTÉN O SEU COMPROMISO CO COLEXIO INFANTA ELENA»

Pola súa banda, o deputado socialista Vicente Docasar denunciou que os Orzamentos autonómicos non contemplan nada para o colexio Infanta Elena, «a pesares de que os pais e nais do alumnado solicitaron no Parlamento galego a todos os grupos políticos 150.000 euros para un centro continuado «que evitaría moitos problemas a familias de Lugo e tamén de Ourense». Docasar insistiu en que «o Partido Socialista mantense no seu compromiso, polo que presentará unha enmenda ao respecto».

O deputado socialista criticou que as contas da Xunta non inclúen partidas para Chantada, polo que vai reclamar dotación económica para poñer en marcha unha sección de inglés da Escola de Idiomas, «tal como reclaman os veciños dende hai tempo». Docasar denunciou tamén o baleiro orzamentario para o Camiño de Inverno, cuxa oficialidade foi aprobada polo Parlamento hai dous anos «a instancias dos socialistas». O deputado monfortino criticou que esta ruta, que podía funcionar como «revulsivo para as economías de Lugo e Ourense» aínda esté pendente de ser declarada oficial en tanto Feijóo non saque adiante a Lei de Patrimonio Cultural.

En canto ás infraestruturas, Docasar denunciou que os 250.000 euros que a Xunta vai destinar á estrada de Folgoso a Seoane só inclúa o bacheo «cando os veciños reclaman dende hai anos o seu arranxo integral polo mal estado no que se atopa». Ademais de ter en conta esta petición, os socialistas presentarán enmendas para o acondicionamento da estrada que comunica Taboada con Rubián, «con case 30 quilómetros para os que xa había un proxecto de mellora do Goberno de Touriño». «Non é un capricho dos veciños de O Saviñao», suliñou Docasar, que considera «inaceptable que estea sen executar por cuestión de cor política, cando o treito está en moi malas condicións».

Por último, os socialistas cuestionan que a partida incluída nos Orzamentos da Xunta para o centro de saúde de O Saviñao sexa para novas actuacións, xa que consideran que irá destinada «a pagar traballos xa feitos este pasado verán».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Colado do Vento celebra o outono con roteiros de sendeirismo e cultura

Seguinte Nova

O Río Sol encabeza a clasificación no inicio de tempada de fútbol 7

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: