Posta en servizo de 11 quilómetros do corredor entre Monforte e Bóveda

O pasado 23 de outubro abríronse 11,7 quilómetros de corredor ata Bóveda En breve estará en uso o tramo intermedio que enlaza en Noceda Unha vez completado, o corredor comunicará Monforte con Lugo en pouco máis de media hora

Un momento da inauguración do tramo Monforte-Bóveda do corredor CG-2.2, o pasado 23 de outubro. EC
Un momento da inauguración do tramo Monforte-Bóveda do corredor CG-2.2, o pasado 23 de outubro. EC

• O 23 de outubro quedou aberto ao tráfico un novo tramo da Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte. A inauguración de 11,7 quilómetros de corredor tivo lugar en Monforte, e congregou a un bo número de autoridades, encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado polos conselleiros de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e de Economía e Industria, Francisco Conde, ademais do Presidente da Deputación, Darío Campos, e os alcaldes de Monforte, Bóveda, Pantón, Sarria e O Incio.

CIRCULACIÓN «MÁIS SEGURA E CONFORTABLE«

Logo dun percorrido en autobús polo novo tramo ata o enlace deste corredor en Bóveda, o mandatario autonómico destacou que esta infraestrutura, que estará completada en breve ata Noceda, fará que a circulación polo sur da nosa provincia «sexa máis segura e confortable». Feijóo lembrou que a Vía de Altas Prestacións entre Sarria e Monforte contou cun investimento de 135 millóns de euros, e responde a unha demanda cidadá. «Nada disto tería sucedido se non existise un pobo demandando de forma incansable unhas comunicacións propias do tempo en que vivimos·», precisou o titular autonómico.

MELLORAR A COMPETITIVIDADE DAS COMARCAS DO SUR DE LUGO

Feijóo apuntou tamén as repercusións económicas dunha infraestrutura destas características, que non só mellora a calidade de vida dos cidadáns, senón tamén a competitividade das comarcas do sur de Lugo. «Os galegos estamos máis preto dunha Galicia vertebrada por dentro e conectada por fóra», suliñou o presidente da Xunta, quen fixo referencia ao aumento nun 66% da rede viaria de altas prestacións dende 2009. Feijóo precisou que, deste xeito, ao final da lexislatura «o 80% da poboación de Galicia estará a menos de 15 minutos dunha vía destas características».

O novo tramo da VAP Lugo- Monforte posto en servizo o día 23 evita case 16 quilómetros de travesías, aforra tempo no traxecto e afasta o tráfico do centro das vilas, desconxestionando a circulación urbana de interior. EC.
O novo tramo da VAP Lugo- Monforte posto en servizo o día 23 evita case 16 quilómetros de travesías, aforra tempo no traxecto e afasta o tráfico do centro das vilas, desconxestionando a circulación urbana de interior. EC.

O NOVO TRAMO EVITA PRETO DE 16 QUILÓMETROS DE TRAVESÍAS

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, explicou que o novo tramo de 11,7 quilómetros que une Monforte con Bóveda evita aos usuarios preto de 16 quilómetros de travesía. Según Vázquez, o tramo posto en servizo o día 23 deste mes favorece a mobilidade, en mellores condicións de seguridade e comodidade para os condutores. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que o trazado inaugurado respondía a dous aspectos «sumamente importantes». Por unha banda, este vial consegue afastar os tráficos do centro das vilas, de xeito que se alivia o movemento de vehículos en zona urbana.

DE MONFORTE A LUGO EN POUCO MÁIS DE MEDIA HORA

Por outro lado, a posta en servizo deste tramo axuda a conseguir «un importante aforro de tempo» nos traxectos. Vázquez valorou o avance que suporá esta Vía de Altas Prestacións, unha vez que se complete nos vindeiros días co tramo ata Noceda, nos tempos de viaxe entre a capital provincial e a da comarca de Lemos. A responsable de Infraestruturas da Xunta precisou que Lugo e Monforte estarán conectadas en pouco máis de media hora, reducindo á metade os tempos de percorrido que se precisaban hai uns anos.

O ENLACE DO PORTO SECO, A FINAIS DE ANO

Na liña de contribuír á mellora das comunicacións e da competitividade do sur da provincia, Ethel Vázquez anunciou que tamén este ano, o seu departamento ten prevista a conclusión da conexión do Porto Seco coa estrada LU-933. Esta nova infraestrutura, que supuxo un investimento de máis de 6 millóns de euros, estará funcionando antes de finais deste ano. Vázquez suliñou o «grande avance» deste vial para a conectividade deste polo industrial do sur de Lugo coas principais arterias de comunicación, «co conseguinte pulo á xeración de emprego e actividade económica» na zona.•

Aberto tamén este mes o novo tramo da A-54 entre Palas de Rei e Guntín

Con estes 15 quilómetros queda completada a metade do trazado da A-54 Os dous últimos tramos quedarán licitados este ano, para iniciar as obras en 2016

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, saúda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en presencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, na apertura do tramo Palas de Rei-Guntín da A-54 o pasado 20 de outubro. (Foto: Ana Varela).
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, saúda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en presencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, na apertura do tramo Palas de Rei-Guntín da A-54 o pasado 20 de outubro. (Foto: Ana Varela).

• O 20 de outubro quedaron abertos ao tráfico 15 novos quilómetros da autovía A-54 entre Palas de Rei e Guntín, co que vén completarse a metade do trazado deste vial que unirá a cidade de Lugo coa capital de Galicia. Para a inauguración, desprazáronse ata terras lucenses o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, que acompañaron ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na apertura do novo tramo da que cualificou como unha «infraestrutura fundamental para a vertebración do interior da Comunidade». O mandatario autonómico lembrou que Lugo era unha das poucas cidades que non tiña nexo a Santiago por autovía, polo que a A-54 suporá gañar en prestación, seguridade e competitividade para todos os concellos do interior de Galicia.

Na súa intervención, Núñez Feijóo destacou o conxunto das actuacións en infraestruturas levadas a cabo polo executivo de Rajoy nestes anos. «Nunca tanto se fixo nunha época tan mala como a que estivemos vivindo desde o ano 2011 ao ano 2014», suliñou o presidente da Xunta.

DE LUGO A SANTIAGO EN 15 MINUTOS MENOS QUE ATA AGORA

O novo tramo aberto este mes súmase aos 38 quilómetros de autovía que dende marzo comunican Guntín e Nadela, e que permiten realizar a metade do traxecto entre Lugo e Santiago por unha vía de altas prestacións en 15 minutos menos.

No tramo Palas de Rei-Guntín Fomento investiu 101,2 millóns de euros, dos que 83,5 foron en obra, 15,3 en expropiacións, e os restantes 2,4 en contratos de asistencias técnicas de proxecto, control e vixilancia. Este orzamento foi financiado con fondos FEDER 2007-2013 da Unión Europea.

Este novo tramo da A-54 iníciase no enlace situado no quilómetro 21 da N-547 en Guntín, pasando polo municipio de Monterroso ao norte de dita estrada, e remata no enlace coa nacional no quilómetro 36,8 en Palas de Rei. Neste municipio, a A-54 enlaza coa estrada autonómica LU-231a Friol. O tramo conta con catro viaductos, catro pasos superiores e dezaoito inferiores, un deles para a reposición do Camiño Francés a Santiago, que discurre polo mesmo trazado que a A-54. Ademais, hai dous pasos específicos para animais, e varias zonas nas que se instalaron pantallas antirruídos.

FOMENTO ANUNCIA MÁIS ACTUACIÓNS PARA 2016

Dende Fomento precisaron que a partida de 60 millóns de euros consignada nos Orzamentos do Estado permitirá licitar este ano os dous tramos da A-54 que faltan entre Palas de Rei e Melide e comezar as obras en 2016, ademais de avanzar no tramo Melide-Lavacolla. Ademais, está previsto licitar o vindeiro ano un vial de conexión entre a A-54 e a N-540, co que se eliminará o tramo de peor trazado da nacional no acceso sur a Guntín.

En canto á autovía A-56 de Guntín a Ourense, en Fomento sinalaron que van priorizar os dous tramos da variante norte da cidade das Burgas, onde a intensidade de tráfico é maior, e que corresponden a Eirasvedras-Quintela e Quintela-A Castilla. Ambolos dous proxectos están en fase de redacción, e para o primeiro deles incluiuse a dotación necesaria nos Orzamentos do Estado. Por outra banda, o Ministerio vai seguir impulsando as obras do tramo A Barrela-San Martiño, que foron retomadas en xullo.

FEIJÓO AGRADECEU A RAJOY OS INVESTIMENTOS EN GALICIA DOS ÚLTIMOS ANOS

Durante a inauguración do tramo da A-54 en Palas de Rei, o presidente da Xunta agradeceu a Mariano Rajoy e á titular de Fomento «os máis de 5.000 millóns de euros en infraestruturas» investidos en Galicia polo Goberno central nos últimos anos. Feijóo destacou o feito de que a nosa Comunidade ocupara entre o 12 e 13 por cento do total do Orzamentos Xerais do Estado nos anos de Rajoy como presidente. «Ben vale a pena agradecer cando un Goberno cumpre, e este Goberno, a pesar das dificultades, cumpriu», subliñou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Alfa Auriga C.B.Sarria sumou unha segunda victoria

Seguinte Nova

Comezou en Monforte a axenda de actos para celebrar o IV Centenario da publicación da segunda parte do Quijote

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss