•O pasado 26 de outubro, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, e o vicepresidente da institución, o nacionalista Antonio Veiga, deron a coñecer a composición do novo Goberno provincial, configurado en oito áreas de xestión. Respecto ao último mandato do bipartito presidido por Gómez Besteiro, cambian de man ás áreas de Cooperación e Asistencia aos Concellos, que agora dependerá directamente do vicepresidente nacionalista, e as áreas de Igualdade, Mocidade e Turismo, así como a xestión de Benestar, pasan aos socialistas, que ceden Artesanía e Deseño ao nacionalista Xosé Ferreiro.
CARAS NOVAS DO GOBERNO PROVINCIAL
Precisamente, Ferreiro é unha das caras novas neste Goberno bipartito. Concelleiro polo BNG en Outeiro de Rei, será responsable de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística, e Artesanía e Deseño. Tanto o CENTRAD como a Rede Museística Provincial están adscritos a esta área. En canto aos deputados socialistas con responsabilidades de Goberno, estréase María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, como delegada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, integrados nunha das dúas delegacións específicas que abrangue a Área de Promoción Económica e Social da que é responsable Álvaro Santos, que xa levara Cooperación e Asistencia aos Concellos no segundo mandato de Gómez Besteiro. Pola súa banda, Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada, entra por vez primeira nun Goberno provincial como responsable de Xestión Territorial, á que pertencen Vías e Obras e Expropiacións. Tamén se estrea Lino Rodríguez, alcalde de Pol, á fronte de Medio Rural, do mar e do Medio Ambiente, sendo esta última unha delegación específica encargada á veterana deputada provincial Sonsoles López Izquierdo. Eduardo Vidal, concelleiro socialista en Vilalba, completa a lista de novas incorporacións, como responsable de Promoción do Territorio e Turismo.
En canto á Xunta de Goberno, queda integrada por Darío Campos, Antonio Veiga, Álvaro Santos, Argelio Fernández, Miguel Ángel Sotuela, Pilar García, Lino Rodríguez, Eduardo Vidal e e Xosé Ferreiro. Os voceiros provinciais serán Álvaro Santos polo PSOE e Xosé Ferreiro polo BNG.
CAMPOS, SOBRE AS RESIDENCIAS PARA MAIORES: «SERÁN UNHA REALIDADE SI OU SI»
Na rolda de prensa conxunta, Campos aludiu ao «terceiro goberno de progreso da Deputación de Lugo, o que ratificaron os lucenses o pasado 24 de maio, dando o seu apoio maioritario a PSOE e BNG para continuar coas políticas de esquerda na provincia». Pola súa banda, Veiga afirmou que con este Goberno «se recupera a normalidade democrática nesta institución, e se pon en marcha un acordo que xa está a funcionar con éxito noutras Deputacións galegas».
En canto á xestión, Darío Campos precisou que xa están a traballar na consecución de novos fondos europeos. O mandatario socialista destacou que o anterior bipartito tivera conseguido preto de 40 millóns comunitarios, «que fixeron posible a execución de grandes proxectos en materia de emprego, medio ambiente ou novas tecnoloxías». Campos tamén falou da rede pública de residencias e centros de día para maiores, que «seguirá adiante sí ou sí» dende Suplusa, organismo que depende directamente de Presidencia. Campos suliñou a importancia destes centros «fundamentais para o benestar social dos nosos maiores, os que viven nos pequenos concellos, e para a creación de emprego».•
REPARTO DE ÁREAS NO NOVO GOBERNO PROVINCIAL BIPARTITO
•PSOE: Promoción Económica e Social (Álvaro Santos), con 2 delegacións específicas: Innovación, TICs, Participación Cidadá e Transparencia (Pablo Rivera); Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade (María Loureiro). Xestión Territorial (Argelio Fernández). Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación (Miguel Ángel Sotuela). Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas (Pilar García Porto). Medio Rural, do Mar e do Medio Ambiente (Lino Rodríguez), cunha delegación específica: Medio Ambiente (Sonsoles López Izquierdo). Promoción do Territorio, e Turismo (Eduardo Vidal).
•BNG: Deportes, e Cooperación e Asistencia aos Concellos (Antonio Veiga, vicepresidente provincial). Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística, Artesanía e Deseño (Xosé Ferreiro).
Elena Candia criticou a formación deste Goberno bipartito «inestable e opaco»
•Unha vez que se deu a coñecer a composición do novo Goberno da Deputación de Lugo, a voceira do grupo provincial do Partido Popular, Elena Candia, criticou duramente a actitude de socialistas e nacionalistas. En primeiro lugar, Candia centrou as súas críticas no BNG, «que ten que dar unha serie de explicacións aos lucenses, xa que primeiro non quería imputados no Goberno, despois non os quería na Xunta de Goberno e agora quere a uns si e a outros non». A voceira popular fixo alusión á ausencia de Manuel Martínez na composición do Goberno provincial, para precisar que «aínda así, o BNG incumple o seu código ético ao aceptar a presenza doutros dous imputados».
«ESPECTÁCULO LAMENTABLE»
Asimesmo, Candia destacou que «PSOE e BNG están a dar un espectáculo lamentable que o único que fai é seguir danando a imaxe e a reputación da institución e, o que aínda é máis grave, pospón de xeito indefinido darlle resposta aos problemas e necesidades que teñen os cidadáns da nosa provincia». A voceira popular concluiu que esta situación está a configurar «un Goberno inestable, xa que despois de tres meses non foron quen de poñerse de acordo, o que deixa entrever que tampouco o farán no futuro».
Candia lembrou as palabras de Darío Campos, «cando dixo que todos os deputados terían responsabilidades de Goberno». A popular aludiu á situación de Manuel Martínez, «que primeiro dixo que só estaría se era presidente, despois se estaba na Xunta de Goberno, e agora non sabemos nin onde está». «Con cada nova incongruencia demostran que non están autorizados políticamente para gobernar», explicou Candia, que considerou «opaco» a este Goberno «por non ter transparencia nas negociacións nin no resultado».