A Academia acepta a Monforte como sede dun acto das Letras Galegas

Plantea que o evento co que Monforte quere honrar a Manuel María se celebre despois do 17 de maio

•Finalmente, a Real Academia Galega celebrará o Día das Letras Galegas en Outeiro de Rei, municipio natal do poeta Manuel María, aínda que a institución aceptou o ofrecemento de Monforte para acoller un dos actos, que será despois do 17 de maio.

ALONSO MONTERO RECOÑECE «A SENSIBILIDADE E OPORTUNIDADE DO OFRECEMENTO DO CONCELLO»

Esa foi a resposta do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, á carta enviada polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, o pasado 6 de outubro, coincidindo coa data de nacemento do poeta homenaxeado.

Según explica Alonso Montero na misiva que remitiu ao Consistorio monfortino, «con esta iniciativa non só contribuímos cunha actividade máis, ós fastos en honra do gran escritor, senón que recoñecemos a sensibilidade e oportunidade do ofrecemento do Concello». O presidente da Real Academia Galega destacou que este xesto «proba, moi elocuentemente, a sensibilidade da Corporación municipal cara á personalidade literaria dun escritor vencellado, durante moitos anos, a Monforte».

A FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DECANTOUSE POR OUTEIRO DE REI

Alonso Montero tamén recoñeceu na súa carta que, antes de dar unha resposta ao Concello, era preciso consultalo coa Fundación Manuel María e coa súa viúva, Saleta Goy. «Tal como era de supoñer, a Fundación entende que o acto magno do 17 de maio de 2016 debe celebrarse en Outeiro de Rei», explicou Alonso Montero, e engadiu que «nós agradecemos inmensamente a proposta de vostedes».

Na carta, o presidente desta institución propón ao alcalde de Monforte unha reunión para a vindeira primavera, na que se fixaría a data exacta, así como «o formato e as circunstancias do acto que propoñemos».

Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tomé, amosouse satisfeito coa resposta da Academia. «Aplaudo a decisión de que Monforte acolla un dos actos, xa que Manuel María pasou parte da súa vida aquí e a cidade serviulle como inspiración», apuntou Tomé. O alcalde sinalou que, «á marxe do acto coa Academia», o Concello terá a súa propia programación para honrar a memoria de Manuel María.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O cineasta monfortino Dani de la Torre na inauguración oficial do curso da Escola de Imaxe e Son lucense

Seguinte Nova

Os colectivos monfortinos reclaman «máis sensibilidade social» para a dependencia ou a discapacidade

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: