• Monforte ten unha nova cita coa música clásica o luns 16 de novembro. Ese día, a partir das 20,15 horas, a formación Ars Collegium ofrecerá un concerto no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, dentro da programación da Sociedade Filarmónica de Monforte.
No terceiro concerto que esta Sociedade organiza en Monforte, a agrupación checa Ars Collegium ofrecerá un programa integrado polo Concerto Grosso en Re menor Op.3 N.1 de Vivaldi, o Concerto en Re menor para dous violíns BWV 1043 de Bach, o concerto en Sol maior para violín e orquestra de cámara de Haydn, e o Divertimento para cordas en Si bemol KV 137, de Mozart.
A formación Ars Collegium, fundada en 1966, é unha das máis prestixiosas da República Checa. Ao redor do Graffe Quartet, o núcleo principal do grupo, xúntanse destacados compoñentes da Filarmónica e da Ópera do Teatro Nacional de Brno.•