
• Dende finais do mes pasado, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) dispón das instalacións axeitadas para acoller a tecnoloxía coa que se dará o servizo de Radioterapia dende finais deste ano, según as previsións da Consellería de Sanidade. A empresa Varian Medical Systems asumiu en setembro os traballos de acondicionamento do bunker no que se vai instalar este mes o acelerador lineal de electróns adquirido polo Sergas para o servizo de Radioterapia do hospital lucense. Esta mesma empresa é tamén a encargada de suministrar este equipo, así como da súa instalación e estudos de seguridade.
INFORME FAVORABLE SOBRE SEGURIDADE E PROTECCIÓN FRONTE A RADIACIÓNS
Dende a Consellería informaron de que o Hospital Lucus Augusti xa recibiu a correspondente autorización do Consejo de Seguridad Nuclear para a instalación e posta en marcha do servizo de Radioterapia. Según explican dende Sanidade, este informe favorable avala o cumprimento das medidas de seguridade e proteción fronte á radiación para profesionais e usuarios no espazo do bunker. Esta documentación resulta indispensable para iniciar a instalación da área de Oncoloxía radioterápica neste hospital.
Este bunker conta con paredes de máis dun metro de groso, elaboradas con formigón baritado, máis denso, para asegurar o illamento das radiacións emitidas por estos equipos, garantindo a protección radiolóxica de pacientes e traballadores.
«PRIORIZACIÓN» NA COMPRA DO LOTE DESTINADO AO HULA
En canto ao equipamento de alta tecnoloxía, dende a Consellería destacan que se «priorizou» a tramitación do lote destinado ao hospital lucense, para poder cumprir os prazos de posta en servizo de Radioterapia.
En canto á dotación de recursos humanos, o Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro publicou a resolución que inclúe a área sanitaria de Lugo como ámbito territorial de inscrición nas listas de persoal para Radioterapia. O perfil é de técnico superior nesta especialidade, e terá categoría de persoal estatutario temporal.
O servizo de Radioterapia do HULA contará cunha superficie de máis de 1.700 metros cadrados, que abranguen dous búnkeres para acoller os equipamentos específicos, salas de consulta, sala de TAC para uso exclusivo deste servizo, unha sala de espera e outra de citación, ademais doutros espazos. Este servizo atópase situado enfronte ao de Medicina Nuclear. Dende o Sergas explican que estes servizos están só á espera da instalación da maquinaria correspondente.