Activado o Plan de Viabilidade Invernal nas estradas autonómicas da provincia

Este operativo atenderá as incidencias por neve e xeo dende este mes de novembro ata o 30 de abril de 2016

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, no Centro de Operacións de Conservación Ordinaria e Vialidade Invernal  (CCEX) do Incio, a finais de outubro. GPDTL.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, no Centro de Operacións de Conservación Ordinaria e Vialidade Invernal (CCEX) do Incio, a finais de outubro. GPDTL.

•Dende o 1 de novembro, e ata o 30 de abril, a Xunta terá en marcha o Plan de Viabilidade Invernal, para facer fronte ás incidencias que poidan derivarse das condicións meteorolóxicas nas estradas de titularidade autonómica. Para o seu desenvolvemento, a provincia de Lugo conta con dous centros operativos, o de Xermade para a zona norte, e o situado en O Incio que cubre a zona sur, e que se completan cos subcentros situados na Pastoriza, O Cádavo, Monforte e Lugo.

EQUIPAMENTO HUMANO E MATERIAL PARA OS MESES DE INVERNO EN LUGO

Según explicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, durante a presentación do Plan de Viabilidade Invernal o 30 de outubro no centro operativo do Incio, a Xunta mobiliza na nosa provincia un total de 18 máquinas quitaneves, a través dun dispositivo no que participan 123 persoas, que disporán de 1.780 toneladas de materiais fundentes para resolver as acumulacións de xeo e neve, garantindo a seguridade da circulación.

Na zona sur, que abrangue para esta función dende o ámbito da capital provincial, conta con dúas reservas de fundentes en Bascuas e O Corgo. A subzona de Monforte dispón deste servizo en Chantada e Quiroga, e a de O Incio conta cun punto de reserva de fundentes no propio municipio, máis outros dous en Sarria e Pedrafita.

O INCIO, O QUE SUMA MÁIS DOTACIÓN EN OPERARIOS DURANTE O INVERNO NA PROVINCIA

En canto ao equipo humano, a subzona de Lugo dispón dun reforzo de dúas persoas, que se suman no operativo invernal ao persoal de conservación ordinaria, integrado por once persoas. Tamén se reforza con dous operarios o equipo de nove que cubren a subzona de Monforte. A dotación de persoal increméntase na subzona de O Incio, por ser unha das que rexistra máis incidencias durante o inverno, pasando de 13 a 17 operarios durante os meses de inverno. Este municipio sitúase á cabeza na dotación de persoal de toda provincia.

A maiores, un equipo de 42 persoas integra a cobertura total do servizo de infraestruturas ao longo do territorio lucense.

INVESTIMENTOS E ESPECIAL ATENCIÓN AOS VIAIS DE OURENSE E DO INTERIOR DE LUGO

Según informaron os responsables autonómicos, a Xunta destina máis de 116 millóns de euros ao conxunto do Plan de Viabilidade Invernal de Galicia para os vindeiros catro anos.

Con este orzamento, atenderase a garantir a viabilidade e a conservación ordinaria nos meses de inverno dos 5.500 quilómetros da rede de estradas autonómicas. Destes, uns 965 quilómetros de vial están rexistrados como os de maior risco de padecer as consecuencias da neve e do xeo, e dos que o 86% sitúanse na provincia de Ourense e no interior da de Lugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os veciños das parroquias do Camiño Francés poderán optar a axudas para arranxar as vivendas

Seguinte Nova

A Escola de Música de Sober pon en marcha un grupo de canto para adultos

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: