•Os monfortinos afrontan con ilusión a gran cita co Campionato de España a comezos de decembro, onde o ano pasado se proclamaron campións na modalidade infantil de clubes
• O club Neka de Monforte está a firmar un exitoso arranque de tempada, ao acadar na Copa Galicia un total de 13 medallas. Esta cita autonómica, celebrada en Vilalba o 7 de novembro, reuniu aos mellores taekwondistas da nosa Comunidade, polo que os de Monforte puideron medirse con deportistas de alto nivel, dando proba do seu bo rendemento.
MEDALLISTAS
O club monfortino sumou un total de cinco medallas de ouro. Samuel López logrou subir ao máis alto do podio a pesar de estar fisicamente tocado, e Adrián Cidre revalidou o ouro acadado na fase provincial. Pola súa banda, o taboadés Dani Areán gañou o ouro nunha categoría moi amplia, cun traballo «fenomenal», según precisou o adestrador do Neka, José Mª Vega, que suliña ademais o esforzo de Areán ao vir entrenar a Monforte dende Taboada. Ao posto máximo do podio tamén subiu Alejandro Fernández, tres veces campión de España benxamín, e que na cita de Vilalba amosou o mellor de si mesmo ao competir nunha categoría moi difícil, integrada na súa totalidade por medallistas. Por último, o plantel de ouros péchase con José Roca, «que deu a talla tanto en combate como en técnica», según precisa Vega.
Os deportistas do Neka acadaron catro pratas. Carlos Rey fixo un moi bo campionato, quedando só por detrás do seu compañeiro Samuel López. Laura Álvarez arañou o ouro, e quedou na prata por unhas molestias na perna. Karla Novo amosou o seu prometedor futuro como competidora con esta prata, metal que tamén gañou Lucía Roca.
Os catro bronces foron para Elena Varela, que fixo valer a súa condición de campiona provincial; Arturo Rodríguez, que se iniciou hai 3 meses no taekwondo e xa acadou un bronce, volveu a Monforte medallista, xunto aos seus netos, José e Lucía Roca; Carlos Fernández acadou un bronce, pero ten capacidade para máis resultado; e Aitor Teijeiro, que gañou en Vilalba medalla e experiencia en competición.
«Superamos as expectativas», recoñeceu Vega, que apuntou que as 13 medallas «puideron ser máis». Aínda que irán ao torneo que organiza o clube Jansu en Vilalba o 29, a súa meta é o Campionato de España de decembro. «Imos a por todas», suliña Vega. «Estamos traballando duro para revalidar o ouro do ano pasado «.•