•O académico lancarao Basilio Losada foi distinguido co XIV Premio Ramón Piñeiro «Facer País», concedido pola asociación cultural Val de Láncara, nun acto celebrado no seu municipio natal o pasado 7 de novembro. A xornada iniciouse coa entrega, de mans da escritora Marica Campo, deste galardón a Losada, nunha cerimonia presentada pola xornalista Marta Veiga Izaguirre. Pola súa banda, José Félix López Arias deu lectura á loanza do galardoado, e puxo fin ao acto da mañá.
CENTENARIO DO NACEMENTO DE RAMÓN PIÑEIRO
Logo do xantar de honra, tivo lugar unha mesa redonda para lembrar a memoria de Ramón Piñeiro, ao celebrarse o centenario do seu nacemento, como «unha das persoas determinantes na reconstrución cultural de Galicia». Na mesa redonda, moderada polo secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participaron os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor Fernández Freixanes, o propio Basilio Losada e o presidente da institución, Xesús Alonso Montero.•