• Dende finais de outubro, o Malecón de Sarria ofrece un aspecto renovado, logo de completarse os traballos de acondicionamento dos bancos e do firme instalados a raíz das obras do proxecto de encanamento do río.
«ESTE GASTO VÉN DUN MAL PROXECTO»
Según informaron a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e os concelleiros Efrén Castro Caloto e Silvia Vázquez Rodríguez, na xuntanza aberta celebrada a mediados de outubro na Casa da Cultura, estas obras complementarias tiveron como obxectivo reparar o deterioro sufrido polas pezas anteriores. Dende o Concello suliñaron que «foi un erro escoller este material no proxecto», xa que houbo que cambialo aos poucos meses. Os 250.000 euros que custaron estas reparacións «van ir contra a empresa, non contra a xente», afirmaron dende o Concello, e puntualizaron tamén que este «malgasto público vén dun mal proxecto».
Durante a xuntanza aberta á cidadanía, os responsables municipais tamén falaron da situación da Ponte Ribeira, parcialmente derrubada nos traballos de encanamento do río Sarria. Dende o Concello anunciaron que, ata que saia a sentencia, non cabe ningunha actuación posible para recuperar o paso. Ademais, insistiron en que a Confederación Hidrográfica «non quere dar o brazo a torcer», polo que determinaron actuar «na medida do posible, protexendo a ponte». Con esta finalidade, o Concello elaborou unha medida de protección, que se aprobará en pleno, para despois levalo a exposición pública. Esta medida, á que se referiron como «plan especial de protección», considerará á Ponte Ribeira como un ben cultural con protección especial, polo que se lle garantiría «unha protección estrutural plena».•