•Na primeira xuntanza mantida neste mandato, o alcalde comprometeuse a incrementar a partida de servizos sociais nos Orzamentos municipais

•O pasado 6 de novembro, o alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada, recibiu aos representantes dos colectivos sociais da cidade, para coñecer as súas inquedanzas. No que foi o primeiro encontro de Tomé con estes colectivos dende que chegou á alcaldía, estiveron presentes membros de AFAMON, Ágora, Convosco, Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, Albores, Ruliños, Auxilia e do Centro de Educación Especial Infanta Elena.
CONCIENCIACIÓN SOCIAL E VISIBILIDADE DO TRABALLO DESTES COLECTIVOS
Os diferentes colectivos reclamaron no Concello a necesidade de potenciar «a sensibilidade social en temas como a dependencia ou a discapacidade», polo que pediron ao alcalde o desenvolvemento de campañas de información e concienciación sobre as distintas doenzas das que se ocupan estes colectivos. Ao mesmo tempo, sinalaron a oportunidade que supoñen estas iniciativas de divulgación para dar a coñecer o traballo destas asociacións, co fin de que a cidadanía as coñeza e saiba onde acudir en caso de necesidade.
MENOS BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS E MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO
Outra das preocupacións que as asociacións transmitiron ao rexedor local foi o problema das barreiras arquitectónicas. Pediron que se realicen «esforzos para facer unha cidade máis accesible, e que se traballe no desenvolvemento dunha linguaxe administrativa máis sinxela». Os colectivos presentes na xuntanza plantearon tamén a necesidade de mellorar o servizo de transporte urbano, ou a dispoñibilidade de locais para usos sociais.
TOMÉ: «O GASTO SOCIAL É UN DOS MEUS COMPROMISOS»
Logo de escoitar as demandas dos representantes destes colectivos, o alcalde de Monforte, José Tomé, respondeu co seu compromiso de traballar para coñecer as necesidades concretas de cada unha destas asociacións. Neste sentido, Tomé anuncioulles a súa intención de incrementar a partida para servizos sociais nos Orzamentos 2016, aínda que non lles adiantou ningunha cifra, argumentando que o seu equipo está a traballar na configuración destas contas. Tomé insistiu en que «a estas alturas, hai que ser sensible con estes temas, e o gasto social é un dos meus compromisos».
O alcalde precisou que «a día de hoxe, eu non concibo que haxa xente en Monforte que pase frío no inverno», polo que destacou que «por vez primeira, nos Orzamentos municipais haberá unha partida económica destinada a paliar a pobreza enerxética».
MELLORAS NO SERVIZO DE BUS EN 2016
En canto ao servizo de transporte público, o alcalde transmitiu ás asociacións o seu compromiso de regularizar e mellorar o autobús urbano durante o 2016.•