•Ángeles Vázquez fixo un chamamento a todas as organizacións para que se sumen ao acordo lácteo
•O pasado 4 de novembro, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo o seu primeiro encontro dende que tomou posesión do cargo cos representantes das asociacións agrarias profesionais. Na xuntanza participaron os secretarios xerais de ASAJA-Galicia, Francisco Bello; de Unións Agrarias, Roberto García; e do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.
A reunión do día 4 serviu de toma de contacto entre a nova titular de Medio Rural e as asociacións agrarias, ás que expuxo as principais liñas de actuación contempladas nos orzamentos deste departamento da Xunta para 2016.
Vázquez destacou que o seu departamento xestionará o vindeiro ano un total de 503.522.539 euros, o que supón un incremento do 4,56% máis que no exercicio anterior, e por riba do incremento medio do orzamento xeral da Xunta. Con estas cifras, o agro galego disporá de preto de 22 millóns máis no vindeiro ano.
En canto aos prezos do leite, Vázquez afirmou non estar satisfeita coa lixeira subida dos últimos meses, aínda que considera esta subida como un «paso positivo» no crecemento. Animou tamén ás organizacións agrarias a sumarse ao acordo lácteo, porque «é o mellor que poden facer por Galicia».•