Europa aprobou o PDR 2014-2020 para Galicia, con máis de 1.180 millóns

Un dos obxectivos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) é mellorar a calidade de vida no rural

A mellora da calidade de vida no rural é  un dos obxectivos da PDR para Galicia que acaba de aprobar Europa. Arquivo EC.
A mellora da calidade de vida no rural é un dos obxectivos da PDR para Galicia que acaba de aprobar Europa. Arquivo EC.

•O 18 de novembro, a Comisión Europea aprobou o Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 Neste novo período de financiamento, Galicia percibirá 889,8 millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco da política agraria comunitaria. Isto suporá un desembolso público de 1.186,4 millóns de euros no rural galego a través deste programa. Deles, a Xunta aportará máis de 217 millóns de euros e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente achegará outros 79 millóns.

CONTINUIDADE NAS ACCIÓNS

Según explicaron os responsables autonómicos, este novo PDR dá continuidade á política de desenvolvemento rural que vén realizando a Xunta co apoio das aportacións comunitarias do FEADER, en concreto a través do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013, xa a piques de rematar en decembro de 2015.

AGRICULTURA MÁIS COMPETITIVA, CON RELEVO XERACIONAL

O Plan aprobado por Europa conta con tres liñas básicas, según os parámetros da Política Agraria Común (PAC). A primeira das liñas está referida ao fomento da competitividade da agricultura galega, mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, incorporando agricultores mozos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, e de mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal.

O PDR céntrase especialmente no fomento da remuda xeracional no agro galego. Con esta finalidade, destinará 66,8 millóns de euros para apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas. Ademais, a mellora das explotacións contará cun apoio de máis de 166 millóns de euros. Por outra banda, o apoio ás pequenas explotacións contará con 14,4 millóns, e as axudas á creación de agrupacións de produtores que permitan mellorar a posición negociadora fronte ao mercado terá outros 5,3 millóns.

A mellora dos accesos ás explotacións e da súa base territorial terá 57,4 millóns de euros, para infraestruturas relacionadas con desenvolvemento, adaptación e modernización da agricultura e a silvicultura, como a concentración parcelaria e os camiños.

O apoio á industria agroalimentaria que incremente o valor engadido das producións agrícolas e gandeiras disporá de máis de 94,7 millóns de euros. Nesta liña, as indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe terán axudas de 15,84 millóns.

O impulso do sector forestal é outro eixo prioritario, con 53,4 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais, 49,3 millóns para o establecemento e mantemento de superficies forestais, e outros 18,7 millóns para aumentar a recuperación e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais.

XESTIÓN SOSTIBLE DOS RECURSOS NATURAIS

O segundo eixo deste PDR busca conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promovendo a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. Apóianse actuacións encamiñadas a prácticas extensivas de gandería de vacún de carne e leite, apicultura e razas autóctonas en perigo de extinción de pastos. A achega será de 65,3 millóns de euros, aos que hai que engadir, por vez primeira, a posta en marcha unha liña específica para a produción de agricultura ecolóxica, con 12,7 millóns de euros.

MÁIS CALIDADE DE VIDA NO RURAL

Por último, o novo PDR ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza. Este Plan considera que un medio rural dinámico non depende só do sector agroforestal, polo que aposta tamén pola dinamización da poboación rural a través do investimento, creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas, con preto de 26,3 millóns de euros en axudas. O mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña ou con outras limitacións naturais recibirá un apoio de máis de 116 millóns de euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentación oficial dos 10 equipos que integran o CB Sarria esta tempada

Seguinte Nova

Axudas autonómicas de 1,7 millóns de euros este ano para as cinco Denominacións de Orixe

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: