•Feijóo gabou o papel dos axentes de seguridade «para conseguir o benestar da sociedade»
• O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou os atentados de París no acto de entrega de diplomas á IX Promoción da Policía Local, celebrada en Santiago o día 17. O mandatario autonómico reiterou a súa condena aos ataques sufridos en París, e sinalou que esta traxedia volveu recordar «do xeito máis dramático, a enorme importancia que ten a seguridade pública e, especialmente, as persoas que traballan para garantila». Feijóo insistiu en que os retos aos que se enfronta Europa, e os seus cidadáns, «son cada vez máis complexos e dunha magnitude maior».
Neste sentido, o presidente da Xunta afondou na importancia de contar con profesionais de seguridade capacitados e formados axeitadamente, posto que «en todos os países, cidades e vilas, os axentes teñen o papel fundamental que cómpre que reivindiquemos e que reforcemos». O titular da Xunta destacou que centros como a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) «son unha ferramenta necesaria para reforzar a loita contra os criminais, e conseguir o benestar da sociedade». Núñez Feijóo lembrou que detrás do labor da AGASP e de todos os corpos e forzas de seguridade da Comunidade «está a razón de que Galicia sexa un dos lugares máis seguros de toda España». Según explicou o titular autonómico, Galicia é unha das catro autonomías con menor taxa de criminalidade, con 28,1 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, fronte ás 43,8 do conxunto do Estado.•