O proxecto de Lei do Patrimonio Cultural quere axilizar a súa protección e implicar máis aos concellos

Recoñece por vez primeira o Camiño de Inverno como «ruta principal», e poderá ser considerada de xeito automático como ben catalogado

Feijóo afirmou que o noso patrimonio cultural é “unha das nosas principais fortalezas como comunidade”. Arquivo EC.
Feijóo afirmou que o noso patrimonio cultural é “unha das nosas principais fortalezas como comunidade”. Arquivo EC.

•Este mes, a Xunta levou ao Parlamento o proxecto de Lei do Patrimonio Cultural, unha medida moi esperada no sur de Lugo, en canto que suporá o recoñecemento, por vez primeira, do Camiño de Inverno como ruta principal. Esta é unha das novidades que incorpora esta lei, pola que tamén se estrea a regulación legal do patrimonio inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico.

PRESENTÁRONSE 484 ALEGACIÓNS DE MÁIS DE 60 ENTIDADES

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia deste texto dentro do calendario lexislativo do seu Goberno, «pois garante a protección dunha das nosas principais fortalezas como comunidade, que é o noso patrimonio cultural». O mandatario autonómico destacou que o proxecto de Lei someteuse a un «profundo» proceso de participación pública, no que tomaron parte máis de 60 entidades, que emitiron 484 alegacións, ademais do ditame do Consello da Cultura Galega.

MÁIS RIGOR NAS SANCIÓNS

Ademais de incorporar novos patrimonios baixo protección, a nova Lei busca outros obxectivos. Así, incrementa a colaboración das administracións, sobre todo dos concellos, e sube de 23 a 54 as faltas tipificadas, ao tempo que incrementa a contía das multas por infracción grave, que poden chegar ata o millón de euros. Por último, a nova Lei trata de simplificar e axilizar a xestión administrativa do patrimonio cultural.

HABERÁ NOVOS BIC

Con esta finalidade, o anterior Inventario pasa a ser o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que simplifica en dúas as categorías de bens de patrimonio: Ben de Interese Cultural (BIC) e bens catalogados, que asimila os antigos bens inventariados.

Haberá catro novos tipos de BIC: vías culturais, paisaxes de valor cultural, sitios históricos e territorios históricos. Os bens serán protexidos como BIC por dúas vías: ou ben por declaración singular, ou de xeito automático, como no caso dos Camiños Patrimonio da Humanidade, os escudos anteriores a 1901; os bens propios da arquitectura defensiva anteriores a 1914; os hórreos, cruceiros e petos de ánimas anteriores a 1901 e as covas, abrigos e petróglifos con manifestacións de arte rupestre.

Pola súa parte, os bens catalogados son os que teñen un notable valor, pero sen chegar a BIC. Poderán ser considerados por declaración singular ou de xeito automático, como no caso das rutas principais dos Camiños de Santiago que non son BIC; as esculturas en madeira e as obras pictóricas previas ao ano 1600; e os pecios, buques ou aeronaves que leven somerxidos nas augas territoriais galegas desde antes de 1901. Ademais, e como novidade, a Lei introduce outro tipo de ben catalogado, para aqueles que os concellos inclúan como tales nos seus catálogos urbanísticos.

RUTAS XACOBEAS

En canto á protección dos Camiños de Santiago, Feijóo explicou que, unha vez aprobada a nova Lei no Parlamento, poderá iniciarse a declaración BIC dunha ruta xacobea se o piden por unanimidade os concellos polos que discorre. Ademais, a Lei continúa na liña restrictiva para garantir a conservación destas rutas. Según establece o texto legal, no ámbito delimitado non se poden levar a cabo actividades mineiras, poñer vallas ou carteis publicitarios nin establecer vertedoiros. Ademais, nos tres metros contiguos ao Camiño non se poderán talar árbores frondosas, acampar nin levar a cabo actividades construtivas fóra dos tramos urbanos, agás excepción do Plan Especial.

A CONCIENCIACIÓN, A MELLOR PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

A Lei incentivará con subvencións a protección do patrimonio, e difundirá nos centros escolares a súa importancia cultural. Con este fin, crea unha materia de libre configuración para ESO, e unha específica para Bacharelato sobre o Patrimonio Cultural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación esixe á Xunta que paralice a suba do canon de Sogama aos concellos

Seguinte Nova

Chantada acolle o III Trofeo Ribeira Sacra de billar a tres bandas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

   
A %d blogueros les gusta esto: